Cando maduren os tomates

“Mulleres que co seu exemplo de vida axudan a tirar para diante, e que mellor que ese adiante sexa xuntas”

Sinopse

Un grupo de mulleres “ás que xa lles chaman vellas, por estar na década dos sesenta, setenta, oitenta, noventa” reúnense en torno a unha mesa. Falan por medio da palabra, a imaxe e o son, do paso do tempo, do amor e as súas ausencias, da (in)dependencia, dos coidados, da vellez e da morte. Chegan das catro provincias galegas, de cidades e aldeas, todas representantes dun sistema de coidados –invisibilizado– que nos sostivo e nos sostén.

Reúnense para realizar un exercicio de memoria e proxección colectiva que se inicia coa posta en común dunhas vidas atravesadas pola cultura do amor baseada no sacrificio, para xuntas revisar e reconstruír, desde a experiencia individual e colectiva, un sistema de coidados máis xusto e equilibrado, que reivindique a potencia e a necesidade do estar, escoitar, acompañar e alimentar as distintas etapas da vida.

En tempos de conflitos e velocidade, onde o valor das vidas mídese pola súa capacidade de producir, Cando madures os tomates reivindica o valor subversivo dos coidados e a necesidade de actualizar, equilibrar e visibilizar ese labor esencial dende os códigos do presente.

Intencións

Nunha sociedade envellecida coma a nosa, é necesario realizar un exercicio de reconstrución do relato hexemónico ao redor da vellez e os coidados, un exercicio que só é posible desde un proceso de creación colaborativa.

O obxectivo é a construción, por tanto, dun relato coral formato por entrevistas e material audiovisual realizado polas propias participantes; imaxes, músicas e sons que describen, dende o ollar destas mulleres, as redes que sosteñen o territorio e as comunidades galegas, coa vontade de homenaxear ás que nos sostiveron e, ao mesmo tempo, reivindicar un reparto máis equilibrado e actualizado deste labor de coidados, tan esencial para a vida de todas e todos.

Tecendo o formato

Neste documental comunitario –que forxa un espazo de encontro–, existen unha serie de puntos que caracterizan o formato da produción, facendo posible o achegamento ás historias reais que suceden aquí e tamén alí. Trátase dunha proposta que afonda e pon no foco a convivencia da comunidade como a chave central para redefinir as rutinas, os coidados e a propia vida.

Territorio e comunidade
Localízase a historia no entorno concreto e tamén a través da personificación de cada relato coa aparición das propias protagonistas; salientando tanto o valor do territorio como da comunidade.

Espazos íntimos
A historia transcende nos espazos íntimos dos fogares, onde sucede a rutina do día e a través da cal se pode evidenciar e comprender cada relato. Alí será, pois, onde se trasladen as cámaras para gravar a quen sempre estivo detrás delas.

Mesa de debate. Lugares de encontro
As mesas de debate son a espiña dorsal da primeira parte do filme. Ofrecen estrutura e contido e van marcando a entrada das distintas temáticas. Espazos de encontro para reflexionar en conxunto.

Entrevistas
Sucederanse entrevistas en movemento, a través do acompañamento das protagonistas ao longo do seu día, compartindo a cotiandade; co obxectivo de que estas sucedan de forma natural e fluída, nun contexto de complicidade e comodidade.

Material Audiovisual. Ollares
Este material será realizado polas propias protagonistas do documental, tras unha serie de obradoiros de creación, nos que se traballará a simboloxía da propia imaxe. O resultado será un arquivo de material caseiro e íntimo que nutrirá a peza final.

A importancia do coidado das redes

Este é un experimento social e á vez unha terapia. O lugar do que nace este proxecto –unha iniciativa nunha aldea do rural de Culleredo que se prolongou ao longo de todo un ano– resultou ser, por riba de todo, un agasallo para as mulleres que participaron. Veciñas que polas dinámicas sociais dun entorno rural non adoitaban verse, mais coa desculpa da produción dunha peza documental foron conscientes, nas súas palabras, do que lle facía estar vivas.

 

 

Ficha do proxecto

  • Formato
    Longametraxe
  • Xénero
    Documental
  • Target
    Adultos
  • Estado
    En desenvolvemento

Equipo

  • Produción executiva
    Alberto Díaz e Álvaro Pérez Becerra
  • Guión
    Bea Iglesias
  • Dirección
    Hadriana Casla

Coa subvención de