Na pasada edición do festival Castelo Conta, en Culleredo, estreamos un avance do que será un dos nosos traballos máis interesantes para este curso.
Trátase de afondar na imprescindible misión de recompilar todo o coñecemento que atesouran as persoas que coñecen os espazos non urbanos deste país, e de facelo a través da produción de contidos de calidade de características diferentes, aproveitando as oportunidades da tecnoloxía para a súa difusión.
Pola nosa cercanía con todo o movemento social e cultural relacionado co Monte Xalo, ao carón da Coruña, ata finais de marzo traballaremos alí nun proxecto que requerirá da incorporación dun perfil de redacción, guión ou desenvolvemento de proxectos culturais ou relacionados co territorio, para formar parte do equipo de contidos.
Se estás interesada ou interesado, podes escribirnos a equipo@undodez.gal enviándonos o que queiras: un texto contándonos por que queres traballar con nós, un currículo, a túa experiencia…
O único requisito é saber escribir ben en galego (con toda probabilidade faremos unha proba dentro do proceso de selección ás persoas cos perfís que mellor encaixen), e ter interese neste tipo de contidos.
Aínda que se trata dun contrato relacionado cun proxecto concreto e puntual, en función das propostas que recibamos e do que busquen as persoas candidatas non descartamos darlle continuidade, ou mesmo transformar a oferta para un posto de máis percorrido no noso equipo.
Procuramos traballar de forma presencial, pero con toda a flexibilidade no que ten que ver cos horarios, e mesmo coa posibilidade de teletraballar ocasionalmente. En canto á proposta de condicións económicas, valorarémola en función das tarefas que poida e queiran desenvolver as persoas interesadas.