‘Nena’ gaña o premio á mellor curtametraxe do FICINDIE 2025

A curtametraxe 'Nena', escrita e codirixida por Xosé A. Touriñán, foi galardoada co premio á mellor curtametraxe no FICINDIE 2025, un dos festivais de cinema independente e de autor máis destacados do ámbito hispano. O filme, producido por Undodez, continúa así unha traxectoria de éxito en festivais nacionais e internacionais.
Antía Touriñán durante a rodaxe. Foto: Aigi Boga

O FICINDIE 2025 (Festival Internacional de Cine Independiente e de Autoría de Canarias), celebrado do 19 ao 26 de outubro en San Cristóbal de La Laguna, recoñeceu Nena como mellor curtametraxe da súa edición. O xurado destacou a delicadeza e a madurez da súa mirada, así como a capacidade da obra para mesturar humor e emoción nun relato profundamente humano.

Nena narra a historia dunha familia de cinco persoas que se ve desestruturada pola morte dunha muller (nai, esposa, nora e cuñada), e na que a responsabilidade do fogar recae na súa filla de doce anos, Antía. O filme combina comedia e traxedia para reflexionar sobre os roles de xénero, o peso das expectativas familiares e o valor do compromiso persoal.

Protagonizada por Antía Touriñán, Carlos Blanco, David Perdomo e o propio Xosé A. Touriñán, a curtametraxe foi producida por Undodez e rodada en Mondoñedo. Desde a súa estrea en 2023, leva acumuladas máis de cincuenta seleccións en festivais e case vinte premios, converténdose nunha das obras galegas máis recoñecidas do cinema independente recente.

O FICINDIE aposta cada ano pola difusión de novas voces autorais e pola exploración de linguaxes cinematográficas innovadoras. O premio a Nena supón un novo recoñecemento ao talento galego e consolida a posición de Undodez e Xosé A. Touriñán como referentes da produción audiovisual feita dende aquí, con identidade propia e proxección internacional.

Portada » Caderno » ‘Nena’ gaña o premio á mellor curtametraxe do FICINDIE 2025