Amplía o universo da Banda do Bosque con contidos educativos e interactivos

A aplicación oficial de 'Bibopalula' está dispoñible para Android e iOS, unha ferramenta dixital que reúne contidos audiovisuais, musicais e lúdicos dirixidos a nenas e nenos de 2 a 6 anos, mantendo os valores educativos e creativos que definen ao proxecto.
Interfaz da aplicación de 'Bibopalula'. Fotografía: Aigi Boga

O universo de Bibopalula continúa a expandirse coa súa aplicación oficial, xa dispoñible de forma gratuíta para dispositivos Android e iOS. Esta plataforma dixital permite trasladar a experiencia da serie a un entorno interactivo, pensado para o consumo acompañado e adaptado ás primeiras idades.

A app ofrece acceso completo aos capítulos da serie e ás cancións que forman parte de cada historia coa música, coma sempre, sendo un dos eixos centrais do proxecto. Xunto a estes contidos audiovisuais, incorpora unha ampla variedade de xogos interactivos que propoñen actividades como recoñecer personaxes, adiviñar cancións, colorear, construír obxectos ou descubrir curiosidades relacionadas coa natureza e o son.

A navegación estrutúrase en seis seccións principais que organizan os contidos de maneira clara e accesible: unha portada con novidades, un espazo dedicado á visualización dos capítulos, outro centrado na música, unha área de xogos, un apartado de contidos divulgativos e unha sección de tenda con produtos oficiais do proxecto. Esta organización facilita unha experiencia intuitiva tanto para a cativada como para as persoas adultas que acompañan o uso da aplicación.

A aplicación de Bibopalula funciona como unha extensión natural do proxecto audiovisual e escénico, permitindo que a relación coa Banda do Bosque continúe máis alá da pantalla ou do teatro. Trátase dunha proposta que combina entretemento e aprendizaxe, reforzando valores como a curiosidade, o respecto pola natureza, e a creatividade.

Portada » Caderno » Amplía o universo da Banda do Bosque con contidos educativos e interactivos