O Festival Ría de Vigo presenta ‘Millonarios’, o regreso de Touriñán e Eva Iglesias xuntos á TVG

A nova comedia da canle pública presentouse en exclusiva durante a gala de clausura do certame. O primeiro episodio puido verse por primeira vez nun evento que reuniu profesionais e público arredor das principais novidades do audiovisual.
Xosé A. Touriñán e Eva Iglesias durante a rodaxe de 'Millonarios'. Fotografía: Aigi Boga

O pasado venres 12 de xuño, o público asistente á gala de clausura do Festival Internacional de Series Ría de Vigo puido descubrir por primeira vez Millonarios, a nova comedia producida por Outro en colaboración con Undodez para a Televisión de Galicia. A presentación do proxecto correu a cargo de Xosé A. Touriñán, protagonista da serie xunto a Eva Iglesias.

A estrea en Vigo serviu para proxectar en exclusiva o primeiro episodio dunha das apostas da TVG para a próxima tempada. A serie segue os pasos de Telmo e Luisa, unha parella que ve como a súa vida cambia radicalmente despois de gañar o Euromillón. Lonxe de abandonar os seus costumes, ambos intentan manter a mesma vida de sempre mentres exploran as posibilidades que ofrece a súa nova fortuna, provocando continuos choques entre o sentido común máis galego e os códigos do luxo.

Touriñán referiuse á boa complicidade con Eva Iglesias despois de varios anos sen traballar xuntos nun proxecto audiovisual deste tipo. Explicou que a rodaxe estivo marcada por moitas anécdotas e momentos de humor, con espazo para a improvisación dentro dun formato máis guionizado.

Millonarios está producida por Outro en colaboración con Undodez para a Televisión de Galicia  e combina comedia, personaxes moi singulares e situacións absurdas para construír unha historia sobre aquelas cousas que nin todos os millóns do mundo son capaces de cambiar.

A presentación tivo lugar no marco da segunda edición do Festival Internacional de Series Ría de Vigo, celebrado entre o 10 e o 12 de xuño. O certame reuniu profesionais da industria audiovisual, creadoras, intérpretes e público arredor de estreas exclusivas, coloquios e actividades dedicadas ao universo das series, consolidándose como un dos encontros audiovisuais destacados no calendario galego.

Portada » Caderno » O Festival Ría de Vigo presenta ‘Millonarios’, o regreso de Touriñán e Eva Iglesias xuntos á TVG