Hai cousas que parecen cambiar cando chegan os cartos. A casa, as viaxes, os restaurantes, a roupa, os plans… Pero Telmo e Luisa non están demasiado interesados en cambiar de vida. Despois de gañar unha fortuna no Euromillón, deciden gardar o segredo e continuar como se nada tivese pasado. Claro que unha cousa é querelo e outra moi diferente conseguilo.
En Millonarios, cada novo episodio coloca á parella ante unha situación que ata entón só podían imaxinar desde lonxe. Experiencias exclusivas, lugares aos que nunca terían acceso ou pequenos caprichos que agora poden permitirse pasan a formar parte da súa vida. E aí aparece o verdadeiro problema: como se move unha parella como Telmo e Luisa por un mundo que non está feito para eles?
A resposta está na maneira que teñen de afrontar todo o que lles sucede. Sen perder a naturalidade, a retranca nin ese sentido común que os acompaña desde antes de que aparecesen os millóns. O luxo pode cambiar o contexto, pero non necesariamente a maneira de mirar as cousas.
A serie constrúe así a súa comedia a partir do choque entre o extraordinario e o cotián. Situacións propias dunha vida de luxo pasan polo filtro de dous personaxes que non parecen ter ningunha intención de converterse en millonarios ao uso. E, precisamente por iso, cada nova experiencia pode acabar sendo moito máis complicada do que parecía.
Detrás de Telmo e Luisa están Xosé A. Touriñán e Eva Iglesias, que volven compartir pantalla nunha ficción na que a súa complicidade ten un papel fundamental. Touriñán está tamén á fronte da dirección, nun traballo no que a interpretación e a improvisación atopan espazo dentro dunha historia construída desde o guión.
Millonarios é unha produción de Outro en colaboración con Undodez para a Televisión de Galicia e conta cun equipo artístico e técnico galego que se pon ao servizo dunha comedia que parte dunha pregunta sinxela: que queda de nós cando podemos permitirnos case todo?
Porque quizais o máis difícil de ser millonario non sexa saber en que gastar os cartos, senón descubrir como seguir sendo quen eras cando xa non tes que preocuparte por canto custa nada.
O primeiro capítulo de Millonarios emitirase este domingo ás 22.00h na TVG.
