‘Pipo’ regresa con novas aventuras na súa segunda tempada

Despois dun primeiro ano cheo de aventuras, Pipo regresa con novos episodios. A segunda tempada da serie de animación de Undodez xa está dispoñible en Xabarín.gal, con novas historias de Berta e do pequeno extraterrestre.
A segunda tempada de Pipo, dispoñible no Xabarín.gal

Pipo continúa descubrindo o mundo humano a través das situacións máis cotiás, que para el seguen sendo todo un misterio. Pero desta volta anda máis atrevido: quere ir á escola, probar un patinete ou utilizar os seus propios métodos de propulsión. Todo pode ser incrible cando se mira desde a perspectiva dun pequeno extraterrestre.

Esta segunda tempada amplía o universo da serie con novas situacións nas que Pipo terá que volver poñer a proba a súa particular maneira de entender o que acontece ao seu redor. A convivencia con Berta e coa súa familia segue sendo o punto de partida para abordar, desde o humor e a imaxinación, cuestións próximas ás crianzas: a escola, os xogos, a música, as relacións familiares, as tradicións ou mesmo a intelixencia artificial. Pequenos acontecementos do día a día que, vistos polos ollos de Pipo, adquiren unha dimensión completamente diferente.

A nova tanda de episodios mantén así a esencia da primeira tempada, pero introduce tamén novas situacións e retos para os seus protagonistas. O marciano seguirá facendo preguntas, buscando explicacións e chegando ás súas propias conclusións, mentres Berta o acompaña nas súas aventuras e trata de axudalo a comprender un mundo no que aínda hai moitas cousas que lle resultan difíciles de explicar.

Detrás destas novas historias volve estar o equipo creativo que orixinou a serie. Andrés Mahía e Laura Mahía, nunha produción de Undodez para a Televisión de Galicia. A serie mantén así a súa aposta por construír relatos de animación arredor da curiosidade, o humor e a capacidade da infancia para sorprenderse ante todo aquilo que aínda está por descubrir.

A segunda tempada chega, ademais, despois dun primeiro ano no que Pipo levou o seu percorrido máis alá da pantalla. O pequeno extraterrestre aterrou por primeira vez no xardín de Berta o 27 de agosto de 2025, durante o Castelo Conta, onde oitenta cativas e cativos asistiron á primeira proxección das súas aventuras. Desde aquela, a serie pasou por aulas, bibliotecas e festivais e viaxou tamén fóra das nosas fronteiras.

Neste primeiro ano, Pipo foi finalista nos XXIV Premios Mestre Mateo na categoría de Mellor serie web e recibiu o Premio Deleite á promoción da lingua, ademais de ser finalista no Celtic Media Festival 2026. Un percorrido ao que agora se suma unha nova colección de historias, coa que Berta e o seu pequeno amigo azul continúan descubrindo xuntos todo o que lles queda por aprender.

A segunda tempada de Pipo xa está dispoñible en Xabarín.gal.

Portada » Caderno » ‘Pipo’ regresa con novas aventuras na súa segunda tempada