A TVG estrea este luns ‘Moito Chiste’, conducido por Xosé A. Touriñán

Catro concursantes e un espontáneo compiten cos seus mellores chistes polos bares e tabernas de toda Galicia durante este verán.
'Moito Chiste' gravouse na Taberna Mosqueiro, en Vedra. Foto: Aigi Boga

A mellor comedia nace nos lugares de encontro, nas barras de cafés e tabernas, ao redor dun viño, entre amigos. É a filosofía coa que nace Moito Chiste, o novo programa da Televisión de Galicia producido por Undodez que chega este luns ás pantallas, presentado por Xosé A. Touriñán.

Un formato diario de 15 minutos no que catro concursantes compiten en cada episodio pola Cunca de Ouro, que recibirá o que máis votos reciba polo público presente. A eles unirase un espontáneo que sorprenderá aos seus veciños e veciñas co seu mellor chiste.

A Televisión de Galicia comezará este luns as emisións do programa, previstas en horario de prime time de luns a xoves. Vedra será a primeira parada, e en concreto, a Taberna Mosqueiro, onde Inés, Héctor, José e Cañete subirán ao escenario coas súas mellores historias.

Vilalba, Pontedeume ou O Grove serán outras das localidades que visitará Touriñán nesta semana. A itinerancia, relacionada tamén co sentido do humor e a retranca propia das diferentes zonas de Galicia, é un dos grandes valores dun formato pensado para dar a coñecer tamén algunhas das tabernas máis emblemáticas do noso país.

As veciñas e veciños, protagonistas de Moito Chiste

O novo programa de Undodez para a Televisión de Galicia gravouse durante o mes de xuño en vinte localidades de toda Galicia, coa participación de varios centos de veciñas e veciños, que asistiron como público ou participaron no concurso, dirixido por Óscar Cruz e coa realización de Adolfo Fernández Piñeiro.

De cara novas gravacións noutros bares e tabernas, Undodez ten habilitado o enderezo electrónico moitochiste@undodez.gal, onde calquera persoa interesada en participar pode contactar co equipo do programa.

Portada » Caderno » A TVG estrea este luns ‘Moito Chiste’, conducido por Xosé A. Touriñán