‘Amigos hasta la muerte’ chega aos cines este 22 de setembro

Logo de pasar polos festivais de Málaga, Tarazona, Alacant, Ibiza e Santander e das presentacións en Ourense, A Coruña e Madrid, a primeira longametraxe de Javier Veiga como director e guionista chega este venres ás salas de cine de toda España.
Un momento de 'Amigos hasta la muerte'

Protagonizada por Marta Hazas, Mauricio Ochmann e Javier Veiga, ‘Amigos hasta la muerte’ é unha comedia dramática sobre a amizade, o amor e as prioridades de cada un cando a vida se torce e de súpeto pouco importan as cousas que antes parecían importantes. O filme é unha coprodución internacional entre MedioLimón, Undodez e Onírica Films e rodouse integramente en Galicia. Ourense, O Grove, Santiago de Compostela e diferentes localizacións do Camiño Compostelán son os escenarios sobre os que se desenvolve unha trama na que tamén participan Xosé A. Touriñán, David Amor, Ledicia Sola, Luna Gallego, Óscar Allo, Nacho Nugo, Patricia Castrillón, Nacho López, Fele Martínez, Mela Casal e Xoel López, quen tamén é compositor de ‘Eco’, canción que forma parte da Banda Sonora Orixinal.

‘Amigos hasta la muerte’, estará nas salas de cine a partir do venres 22 de setembro, está tendo unha gran acollida tanto nos festivais polos que pasou como en latinoamérica, onde pode verse en Amazon Prime Latinoamérica.

Sinopse

María, Nacho e Suso son tres amigos de toda a vida. Xuntos compartiron moitas cousas, quizais incluso demasiadas… E, de súpeto, a dous deles vailles tocar compartir o segredo de que o outro vai morrer. Pero antes quédalles moito por facer: plans, promesas, reproches, risas, reconciliacións, lembranzas, máis risas, algunha bágoa… e algo pendente que quizais chegou a hora de destapar… 

Portada » Caderno » ‘Amigos hasta la muerte’ chega aos cines este 22 de setembro