Un novo paso para o universo de Bibopalula. A primeira longametraxe baseada na Banda do Bosque foi seleccionada para participar no CEE Animation Forum 2026, un dos principais mercados europeos dedicados ao desenvolvemento, financiamento e coprodución de proxectos de animación. A cita reunirá do 10 ao 12 de novembro, en Pilsen (República Checa), a produtoras, distribuidoras, fondos cinematográficos, televisións e profesionais do sector procedentes de toda Europa.
Nesta décimo cuarta edición, o foro recibiu máis de 160 candidaturas, das que finalmente foron seleccionados 33 proxectos repartidos entre as categorías de longametraxes, series, curtametraxes e curtas estudantís. Bibopalula. Aventura no Atlántico, producida por Undodez e dirixida por Laura Mahía, figura entre os sete proxectos elixidos na categoría de longametraxes.
O CEE Animation Forum converteuse nos últimos anos nun dos espazos estratéxicos para o impulso de novas producións europeas de animación. Ademais da presentación pública dos proxectos, o encontro facilita reunións con potenciais coprodutores, distribuidores, investidores e fondos internacionais, favorecendo o desenvolvemento de futuras alianzas e vías de financiamento.
Unha nova aventura para a Banda do Bosque
Bibopalula. Aventura no Atlántico leva á gran pantalla aos personaxes da Banda do Bosque nunha historia completamente nova. Robin, Pegui, Merli e Carpin emprenderán unha viaxe por mar coa misión de reunir músicos de diferentes lugares do planeta para organizar o maior concerto da historia e lanzar unha mensaxe en defensa da natureza.
A través da música, do humor e da aventura, a película aborda cuestións como a protección do medio ambiente, a diversidade cultural e a cooperación entre pobos, mantendo a identidade que converteu Bibopalula nun referente dos contidos infantís en galego.
Con esta selección, o proxecto continúa avanzando no seu proceso de desenvolvemento e sitúase nun dos principais escaparates profesionais da animación europea.
