Bibopalula e as súas cancións, finalistas nos XXIV Premios Mestre Mateo

A serie musical infantil suma dúas novas candidaturas nas categorías de Mellor Música Orixinal e Mellor serie de Televisión, consolidando o percorrido dun proxecto pioneiro que combina animación, natureza e cancións en galego.
Os protagonistas de Bibopalula: Robin, Carpin, Pegui e Merli.

O pasado 3 de febreiro tivo lugar no centro sociocultural O Vello Cárcere de Lugo a lectura de finalistas dos XXIV Premios Mestre Mateo. A actriz Andrea Varela e o presentador Juan Fuentes foron os encargados de anunciar as candidaturas desta nova edición dos premios da Academia Galega do Audiovisual, que culminará coa gala de entrega o vindeiro 21 de marzo en Lugo.

Nesta ocasión, Bibopalula converteuse en finalista por segundo ano consecutivo, concorrendo nas categorías de Mellor Serie de Televisión e Mellor Música Orixinal. Un recoñecemento que consolida o percorrido dunha serie pioneira nos contidos infantís en galego, pensada para as primeiras idades e construída arredor da música como linguaxe principal.

Dirixida por Laura Mahía, a serie foi xa unha das grandes sorpresas da edición anterior ao acadar a condición de finalista na categoría de Mellor Serie de Televisión, algo que non acontecía cunha produción de animación desde había case vinte anos. Aquel fito completouse cun importante recoñecemento: o Premio Deleite á Promoción da Lingua, que destacou o valor de Bibopalula como ferramenta de normalización do galego entre as nenas e nenos.

A música como eixo do proxecto

A candidatura á Mellor Música Orixinal pon o foco nun dos sinais de identidade máis fortes da serie. Bibopalula conta cun total de 52 cancións orixinais, que forman parte do álbum A Banda do Bosque, dispoñible en plataformas como Spotify, Apple Music, Amazon Music, Deezer e YouTube. A este repertorio súmase tamén a panxoliña especial de Nadal Ninguén canta mal polo Nadal.

As composicións son obra de Santi Jul e Iván Laxe, responsables das músicas e da ambientación sonora dun proxecto no que cada episodio remata cun videoclip musical. Cancións de estilos próximos ao pop e ao rock, pensadas para o público infantil, que acompañan as historias da Banda do Bosque mentres exploran a natureza e os seus ciclos.

Este traballo musical deu un novo paso adiante coa recente alianza internacional con Animotion Media, que se converteu na distribuidora da música de Bibopalula a nivel global. Tras a publicación do catálogo completo, Animotion lanzou o primeiro single da serie, A Poza, abrindo así o camiño para que as cancións da Banda do Bosque cheguen a novos públicos fóra de Galicia.

Un proxecto que segue medrando

A dobre candidatura de Bibopalula (Mellor Serie de Televisión e Mellor Música Orixinal) confirma a consolidación dunha proposta que combina animación, narración e música en galego, e que se converteu nun referente dos contidos infantís producidos no país. Un proxecto que segue medrando, tanto na súa expansión audiovisual como no seu percorrido musical.

Mentres agardan pola gala do 21 de marzo, Robin, Pegui, Merli e Carpin xa comezaron a preparar as súas plumas para lucir un bo traxe. E ti… xa escoitaches as cancións da Banda do Bosque?

Portada » Caderno » Bibopalula e as súas cancións, finalistas nos XXIV Premios Mestre Mateo

Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.