‘Bibopalula’ estreará en xuño espectáculo teatral

Producido por Ainé, e escrito e dirixido por Marta Lado, coa actriz Lidia Veiga como protagonista, estrearase na Coruña o 7 de xuño.

Bibopalula medra facendo realidade unha das promesas dos seus creadores cando hai seis meses nacía a serie: un espectáculo teatral, musical, e ao grande, que xirará por toda Galicia. A produtora Ainé producirá un proxecto escénico que chegará aos escenarios o 7 de xuño, coa dirección de Marta Lado, e coa actriz Lidia Veiga como protagonista.

Será un espectáculo pensado para nenas e nenos de 4 a 8 anos, duns 50 minutos de duración, no que non faltarán os personaxes máis queridos polas pequenas e pequenos: Robin, Carpin, Merli e Pegui, pero tamén o Señor Moucho ou Pombo. As actrices Cristina Andrade, Graciela Carlos, Sara Ferro e Nerea Rodríguez serán as encargadas de dar vida á Banda do Bosque.

O equipo desta proposta teatral de gran formato complétase con Martina Cambeiro no vestiario e as coreografías, Gonzalo Porteiro no deseño de iluminación, Laura Mahía na dirección de arte e Banale no deseño da escenografía. Santi Jul e Iván Laxe serán os encargados de musicalizar un espectáculo no que as cancións máis coñecidas de Bibopalula estarán moi presentes.

Xira durante todo mes de xuño

A estrea está prevista para o sábado 7 de xuño na Coruña, e a xira chegará a Santiago (8 de xuño, Auditorio ABANCA), Pontevedra (14 de xuño, Auditorio Sede Afundación), Vilalba (15 de xuño, Auditorio Carmen Estévez), Verín (21 de xuño, Auditorio Municipal), Vigo (22 de xuño, Teatro Afundación), Cee (28 de xuño, Casa da Cultura) e Ourense (29 de xuño, Auditorio Municipal).

As entradas pódense mercar a través da web de Bibopalula, www.bibopalula.gal

Un misterioso tesouro no bosque

Ava é unha experta observadora de paxaros. Alegre, curiosa e aventureira, a súa paixón é o bosque e toda a vida que cada día podemos descubrir nel. Tamén lle encanta animar ás pequenas e pequenos espectadores a prestar moita atención sobre o que acontece entre as árbores…

A Banda do Bosque recibe de parte do Señor Moucho a misión de atopar un misterioso tesouro. Robin, Carpin, Pegui e Merli enfróntanse durante a busca a distintos atrancos, pero tamén a momentos emocionantes ao redor de todo o que ofrece a natureza no bosque, os cambios meteorolóxicos, ou o día e a noite.

Polo medio da aventura, moita música: doce cancións orixinais xa coñecidas polo público de Bibopalula, como ‘O Terremoto’, ‘As Estrelas’ ou ‘A Poza’, con coreografías, efectos especiais e unha espectacular iluminación para unha experiencia teatral inédita en Galicia.

Portada » Caderno » ‘Bibopalula’ estreará en xuño espectáculo teatral