A primeira serie musical de animación en galego estará na gran cita dos contidos dixitais en Galicia. O xoves 24 de abril Bibopalula chega ao Carballo Interplay dentro da programación do festival, que cumpre doce anos reunindo en Carballo ao mellor da creación audiovisual pensada para todas as pantallas.
Robin, o personaxe máis querido da Banda do Bosque, estará na biblioteca Rego da Balsa a partir das 18.30 horas para presentar a serie diante das cativas e cativos, nunha xornada na que tamén participará a creadora do proxecto, Laura Mahía, e na que se repartirán agasallos entre o público asistente logo da proxección de dous capítulos.
Para participar na actividade é preciso realizar unha inscrición previa no teléfono 981 758 580. A organización permite a asistencia dun único adulto por cada grupo de crianzas anotado.