Durante o mes de agosto estamos a gravar Catro Gatos, un espazo de humor protagonizado por Xosé A. Touriñán, Fátima Pego, Noemi Rodríguez e David Perdomo.
Catro amigos (Xosé A. Touriñán, Fátima Pego, Noemi Rodríguez e David Perdomo) xúntanse nun bar para comentar as súas anécdotas vitais. Esa tertulia, con marcado carácter humorístico, introduce mediante anécdotas ou lembranzas, unha serie de sketchs nos que os protagonistas interpretan os diferentes papeis. Cada un deles ten lugar nun espazo e nun tempo diferente, ás veces próximos e ás veces lonxanos e non sempre achegados á realidade tal e como a coñecemos.
A primeira temporada de Catro Gatos estará formada por 13 episodios de 25 minutos, cunha realización moi coidada e áxil, pensada para a multiplataforma. O tratamento da imaxe está especialmente coidado, atendendo ás necesidades visuais que demandan os novos xeitos de consumo de ficción e entretemento. A dirección de fotografía é de J.J. Guillermo, o vestiario de Raquel Iglesias, a maquillaxe e caracterización de Chicha Blanco e Pilocha Rodríguez e a dirección de arte é obra de Banale.
O formato, que mestura a tertulia cómica cos sketchs humorísticos, está producido por Tex45 producións en colaboración con Undodez. Jairo Iglesias e Xosé A. Touriñán son os encargados da dirección do mesmo e os guións están escritos por José L. Prieto, Manuel Cortés, David Perdomo e Xosé A. Touriñán.
Aínda non conta cunha data prevista para a súa estrea na Televisión de Galicia.