A CRTVG celebra o primeiro aniversario das plataformas AGalega.gal, AGalegaAudio.gal e Xabarín.gal coa primeira edición dos Premios AGalega.gal. Estes galardóns, que inclúen un total de once categorías representativas dos diferentes formatos dispoñibles nas plataformas, contan cunha selección de 66 candidaturas.
Entre os finalistas destacan as producións de Undodez ‘Nosoutras’, ‘Na Gloria’, ‘Recollendo Músicas’, ‘Bibopalula’ e ‘Bechos’, que competirán en diversas categorías segundo o seu formato e temática. O programa divulgativo ‘Nosoutras’ está nomeado na categoría ‘Para poñer na clase’; a proposta de exploración musical ‘Recollendo Músicas’, en ‘Para ver cos amigos’; e a serie de comedia ‘Na Gloria’, en ‘Para desconectar’. Pola súa banda, Bibopalula, a primeira serie musical de animación en galego, e ‘Bechos’ competirán xuntas polo premio a ‘Mellor serie galega de Xabarín.gal’.
As votacións están abertas ao público ata o 25 de febreiro en AGalega.gal e AGalegaAudio.gal. A gala de entrega dos premios celebrarase o 6 de marzo e será retransmitida en directo a través da mesma plataforma.
A lista completa de finalistas e máis detalles poden consultarse na web da CRTVG.