Nas marxes dun mundo tolo tres perdedores conservan a cordura. Un home, unha muller e un porco. Si, un porco. Preséntase así Lola, Porco & Paco, a nova proposta de animación de Undodez, na que traballamos desde hai case un ano, e que esta semana chega ao Cartoon Forum, en Toulouse.
O proxecto, creado por Xosé A. Touriñán, Xosé Castro e Andrés Mahía, e desenvolvido por Lucía Rodríguez -dirección- e Laura Mahía -guión-, busca ser a primeira serie de animación para adultos feita integramente en Galicia e en galego. Unha comedia que pretende observar a sociedade actual cunha mirada transgresora, orixinal e crítica.
Paco ten case trinta anos e non sabe que facer da súa vida. Lola é a súa ex-parella e agora amiga, unha muller ambiciosa, intelixente e pouco comprensiva coa xente que xoga a videoxogos durante dez horas seguidas. Porco, o mellor amigo e compañeiro de Paco, é un porco. Un porco que fala, que fuma, que bebe, e que tamén xoga á consola. Pero un porco.
Tres amigos nunha pequena aldea do Camiño de Santiago. Lonxe dos centros de poder, lonxe das tendencias culturais e sociais, lonxe das traxedias humanitarias… lonxe de todo. E sen embargo, o mundo desequilibrado das novas políticas, da sensibilidade ambiental, da cultura woke, dos radicalismos efémeros e da intelixencia artificial vai formando, cada vez máis, parte das súas vidas.
Presentación no Cartoon Forum
Este xoves, Andrés Mahía, un dos creadores do proxecto, e Laura Pazienza, directora de produción dos contidos de animación de Undodez, presentan Lola, Porco & Paco no Cartoon Forum, en Toulouse. Son só seis os proxectos españois seleccionados polo mercado francés, un dos máis importantes do sector da animación, para ser presentados diante de preto de trescentos compradores de ata corenta países, entre produtoras e canles. Ao evento asisten máis dun milleiro de profesionais do sector procedentes de todo o mundo.
Undodez desenvolve a serie desde hai preto dun ano co financiamento da Xunta de Galicia a través das subvencións ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais convocadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais. Alberto Díaz e Álvaro Pérez Becerra son os produtores executivos dun proxecto que conta tamén cos músicos e posprodutores de son Santi Jul e Iván Laxe na creación sonora. David Perdomo, Xosé A. Touriñán e Marita Martínez poñen voz aos personaxes no avance co que se presenta a proposta.
