A mellor comedia pode aparecer en calquera lugar. Nunha conversa entre amigos, nunha sobremesa, na barra dun bar ou nesa historia que alguén leva anos contando e que, por algún motivo, segue facendo rir. Desa idea naceu ‘Moito Chiste’, o programa producido por Undodez para a Televisión de Galicia que durante o verán levou a Xosé A. Touriñán por bares e tabernas de todo o país na procura dos mellores chistes, historias e anécdotas.
A viaxe comezou en agosto na Taberna Mosqueiro de Vedra e rematou unhas semanas despois no Bar Guadalupe da Laracha. Polo medio quedaron vinte localidades, vinte escenarios diferentes e centos de veciñas e veciños que, dunha maneira ou doutra, acabaron formando parte do programa.
En cada parada, catro concursantes subían ao escenario para defender o seu repertorio diante do público. Non facía falta ser profesional nin ter experiencia previa: abondaba con ter unha boa historia que contar e ganas de compartila. Ao final da competición, eran as propias persoas presentes no local as que decidían quen levaba para a casa a Cunca de Ouro. E sempre podía aparecer alguén máis, porque en cada episodio había tamén espazo para o espontáneo de quenda, ese participante inesperado que ás veces chegaba cun chiste preparado e outras simplemente se lanzaba á aventura.
Así, a ruta foi pasando por lugares como Vilalba, O Grove, Pontedeume, Betanzos, Malpica, A Coruña, Redondela, Ourense, Cangas, Noia, Guitiriz, Allariz, A Illa de Arousa, Coirós, Vilanova de Arousa ou Sobrado dos Monxes.
Ademais, ‘Moito Chiste’ non quería levar un escenario alleo ás localidades, senón traballar cos lugares de encontro que xa existen nelas. As tabernas, cafés e bares convertéronse durante unhas horas en platós, pero sen perder completamente aquilo que os facía recoñecibles: as súas barras, o seu público e a maneira de cada lugar de entender a retranca.
Con episodios de apenas quince minutos e unha emisión de luns a xoves, o programa foi avanzando pola súa ruta cunha proposta directa e áxil. E mentres Touriñán facía de anfitrión dunha parada para a seguinte, os chistes tamén empezaron a facer a súa propia viaxe. As redes sociais recuperaron algunhas das intervencións máis inesperadas de cada episodio, desde os concursantes ata os espontáneos e as conversas do presentador, facendo que moitos deses momentos continuasen circulando máis alá da emisión.
A resposta tamén se deixou notar na televisión. ‘Moito Chiste’ foi mellorando os seus resultados ao longo das primeiras semanas e chegou a superar a media diaria da TVG na maior parte das súas emisións.
Despois de vinte paradas, a ruta chegou á súa fin na Laracha. Alí, puxeron o punto final a unha viaxe que, máis que buscar o mellor cómico, quixo descubrir canto humor había nas barras de Galicia. E, despois de tantas noites de chistes, contos e anécdotas, seguramente quedaron moitos máis por contar.
