O circuíto de cinema galego Ciclo Mestre Mateo inclúe curtametraxes por vez primeira na súa programación. As pezas que formarán parte desta actividade cultural corresponden ás nove finalistas da pasada edición dos Premios Mestre Mateo, entre as que se atopa Nena, a curta dirxida por Xosé A. Touriñán e Jairo Iglesias.
A inclusión das curtametraxes na programación do ciclo constitúe unha aposta pola accesibilidade á cultura nas contornas rurais e pola promoción das curtametraxes, un cinema vinculado á emerxencia de novos talentos e que non conta con circuítos de distribución e exhibición estables.
As pezas serán proxectadas en dúas sesións en 24 localidades de toda Galicia. Na Coruña haberá pases na Laracha, Betanzos, Boiro, Cedeira, Valdoviño e Vimianzo; en Lugo as curtas poderán verse na Pobra do Brollón, A Fonsagrada, Taboada, Foz, Meira, Monterroso, Sarria e Vilalba; en Ourense chegarán a Celanova, San Cristovo de Cea e Ribadavia; e en Pontevedra estas sesións están programadas en As Neves, Cerdedo-Cotobade e Ribadumia. Están por pecharse as proxeccións noutros catro concellos que se engadirán ao programa nas próximas datas.
Na programación estarán presentes os nove filmes finalistas nas categorías de Mellor Curtametraxe de Animación e Mellor Curtametraxe de Imaxe Real dos pasados Premios Mestre Mateo. Entre os títulos que compoñen o programa proxectaranse durante a primeira sesión a curta Antes de que se poña o sol de Nani Matos; O coidado, dirixida por por Miguel Canalejo; O neno sardiña de Lucía Estévez; To bird or not to bird de Martín Romero.; e tamén Ulises, filme de Félix Brixel.
No segundo pase do ciclo entre as curtas protagonistas estará Nena, ademais doutras pezas como In Half, dirixida por Jorge Morais; Illa Cordura, proxecto de Mario Fernández Filloy; e O monstro e a nena de Jorge J. Costas.
Este proxecto é posible grazas á colaboración establecida entre o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia e a Academia Galega do Audiovisual (AGA).