O Culturgal acolleu a estrea de ‘Ao son da nova regueifa’

O documental presentouse cun encontro no que se falou do proceso creativo, das viaxes e das voces que conforman esta exploración da improvisación oral galega, unha tradición que evoluciona da man de novas e vellas xeracións.
Saúl Rivas, Manolo Maseda e Xosé A. Touriñán xunto ás institucións convidadas durante o faladoiro previo á proxección. Fotografía: Aigi Boga

O pasado venres, 28 de novembro, o Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu a estrea de Ao son da nova regueifa, unha proposta audiovisual que recolle máis de dous anos de traballo sobre a improvisación oral galega. O documental percorreu distintas comarcas do territorio para mostrar como as novas xeracións están a recuperar e reinterpretar esta tradición.

O acto contou coa presenza de representantes das deputacións de Pontevedra e da Coruña, da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia e do equipo creativo do proxecto. Natividad González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña, destacou a importancia de iniciativas que visibilizan o patrimonio oral galego. Pola súa banda, Jorge Cubela, deputado de Cultura, Xuventude e Reto Demográfico e Desenvolvemento Rural da Deputación de Pontevedra, e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, subliñaron o valor social e educativo da regueifa e a súa conservación.

Tras a proxección, os directores Saúl Rivas e Manolo Maseda participaron nun pequeno faladoiro xunto a Xosé A. Touriñán, no que explicaron o proceso de investigación, gravacións e encontros realizados por toda Galicia. Destacaron como a regueifa se mantén viva en obradoiros, festivais e centros educativos, conectando xeracións e espazos.

Ao son da nova regueifa amosa a convivencia entre tradición e contemporaneidade, construíndo un relato coral no que a música, a improvisación e a comunidade son protagonistas. O documental ofrece unha visión ampla das prácticas de creación oral en Galicia e do seu valor como patrimonio vivo.

A estrea no Culturgal marcou o primeiro pase completo da peza, que continuará proxectándose en distintos espazos, reforzando a súa aposta pola difusión da regueifa e a súa relevancia cultural no presente.

Portada » Caderno » O Culturgal acolleu a estrea de ‘Ao son da nova regueifa’