Undodez e a Universidade de Vigo, dentro das accións educativas promovidas polo grupo de innovación docente GRETTEL (GRUPO DE ESTUDOS DE TRADUCIÓN, TECNOLOXÍAS E LINGUAXES), veñen de desenvolver unha colaboración no marco do Máster en Tradución Multimedia que permitiu ao alumnado traballar sobre contidos reais da serie infantil Bibopalula, a primeira produción musical de animación en galego dirixida ao público preescolar.
A iniciativa xurdiu tras o contacto realizado entre ambas partes entre os meses de marzo e abril, co obxectivo de incorporar proxectos audiovisuais profesionais dentro da programación docente. A partir de aí, enviáronse os cinco primeiros capítulos da serie para que fosen empregados como material de traballo na asignatura de Proxectos de Tradución Multimedia.
O resultado foi a entrega dun subtitulado completo dos episodios en catro versións: inglés, portugués, catalán e subtitulado adaptado para persoas xordas. Un traballo que permite mellorar a accesibilidade da serie e abre novas posibilidades para a súa distribución internacional en mercados nos que estas linguas teñen presenza.
A colaboración enmárcase tamén nun modelo de aprendizaxe práctica para o alumnado do Máster, que puido traballar con materiais reais dun proxecto en activo, achegándose ás dinámicas profesionais da tradución audiovisual e ao subtitulado multimedia.
Esta experiencia conxunta consolida a relación entre o ámbito académico e o sector audiovisual, ao tempo que contribúe ao crecemento dun proxecto como Bibopalula, que continúa expandindo o seu universo agora tamén con novas vías de accesibilidade lingüística.
