Oferta de emprego para a incorporación dun perfil auxiliar de produción

Con toda a temporada por diante, reforzamos o noso equipo de produción coa incorporación, a tempo completo e cun contrato indefinido, dunha ou dun auxiliar para traballar tanto no ámbito das artes escénicas e os espectáculos como no audiovisual.

En Ainé e Undodez queremos sumar talento e ganas para participar non só nos nosos proxectos audiovisuais ou teatrais, senón tamén no día a día das produtoras: nos procesos internos relacionados con traslados, almacenaxe de recursos, montaxes ou cargas. Queremos incorporar un perfil auxiliar para o noso departamento de produción, con todas as posibilidades de crecemento, pero que no marco desta oferta participaría de tarefas que requerirán, en ocasións, traballo en fin de semana e polas noites (relacionado coa produción de espectáculos) ou adaptación a horarios pouco regulares.

Queremos ser claros e transparentes neste sentido á hora de reforzar que buscamos un perfil de auxiliar, polo que para esta oferta en concreto non terán posibilidades candidatas ou candidatos que non teñan disposición ou dispoñibilidade para asumir o tipo de tarefas que se relacionan cun posto así. Por exemplo: os traslados dos decorados dunha obra de teatro durante unha xira as fines de semana, a organización, incluída a carga e descarga, dos recursos dos que dispoñemos nos nosos almacéns, ou o coidado e mantemento de materiais que poden ir desde equipos de cámara ata os vehículos.

En canto as condicións: contrato indefinido de 38 horas de traballo semanais, horario variable -tamén en fin de semana-, e un salario bruto de 1.750 € brutos, asociado ao grupo IV do convenio de eventos, servizos e producións culturais de Galicia.

Queres presentar a túa candidatura?

Precisamos que nos envíes a través do formulario que atoparás na web de Ainé, -non recibimos candidaturas por e-mail-, un texto no que nos fales sobre ti e sobre as razóns polas que queres traballar con nós. Se queres achegar o teu currículo ou calquera outro documento podes facelo a través do propio formulario, pero non é imprescindible.

Valoraremos o teu interese e motivación, as ganas de querer compartir traxectoria profesional con nós e de medrar, e en particular teremos en conta coñecementos e capacidades relacionados coa produción audiovisual e de eventos, e aptitudes como a orde e a organización, ou a facilidade para traballar en equipo. A experiencia non é necesaria. Ter carné de conducir, si.

A oferta permanecerá aberta ata o venres 9 de outubro, e a incorporación será inmediata logo dun proceso de entrevistas persoais que se prolongará durante non máis de dúas semanas.

Portada » Caderno » Oferta de emprego para a incorporación dun perfil auxiliar de produción