Os primeiros episodios da serie de animación musical ‘Bibopalula’ xa están dispoñibles

Este 29 de novembro estreouse 'Bibopalula', a primeira serie de animación musical en galego que, a través de cancións e de divertidas historias, pretende entreter e educar aos primeiros espectadores ensinando valores fundamentais como o respecto pola natureza.
Robin, Pegui, Carpin e Merli son os protagonistas da serie e intérpretes das cancións.

Dirixida a nenos e nenas de 3 a 6 anos, a serie mestura música, aprendizaxe e diversión ao ritmo da Banda do Bosque, un grupo formado por catro simpáticos paxaros que viven aventuras no corazón da natureza. Os primeiros vinte capítulos de Bibopalula xa están dispoñibles na plataforma dixital xabarin.gal e na aplicación Xabarín da Televisión de Galicia dispoñible en iOS, Android e para diferentes Smart TVs.

A serie está deseñada para ser unha ferramenta educativa e de entretemento para toda a familia, cun total de 55 episodios que ofrecerán novas aventuras da Banda do Bosque durante os próximos meses.

Unha serie de aprendizaxe e entremento infantil

Bibopalula narra as historias de Robin, o paporrubio; Merli, o mirlo; Pegui, a pega; e Carpin, o picapau. Estes catro amigos emprenden viaxes cheas de música e descubrimentos, onde exploran os misterios dos ciclos naturais e as estacións do ano. Cada capítulo de cinco minutos está pensado para captar a atención dos máis pequenos e ensinarlles valores como a amizade, a curiosidade e o respecto polos ecosistemas. Para iso, contan coa axuda doutros habitantes do bosque como o Señor Moucho, a Cegoña, o Pombo Mensaxeiro, o Capitán Pelícano ou a Señora Curuxa.

Ao final de cada episodio, a música toma protagonismo cunha canción orixinal, composta por Santi Jul e Iván Laxe, que interpreta a Banda do Bosque. Estas melodías, pensadas para que os pequenos canten e bailen, estarán dispoñibles nas principais plataformas dixitais de música, permitindo que a experiencia de Bibopalula continue máis aló da pantalla.

Un proxecto galego para as novas xeracións

Bibopalula é unha produción integramente galega que reflicte o compromiso de Undodez co galego como lingua de creación. Creada por Laura e Andrés Mahía, a serie conta cun elenco de voces recoñecidas, entre as que destacan Melania Cruz, Marta Lado, Iria Lamas, Marita Martínez ou Xosé Antonio Touriñán. Este equipo de profesionais galegos achega a súa experiencia para dar vida aos personaxes da serie.

Coa estrea de Bibopalula, o galego dá un paso máis no mundo do audiovisual infantil. A serie non só enche un baleiro no panorama televisivo galego, senón que tamén reivindica a nosa lingua como unha lingua contemporánea para a creación de contidos para as novas xeracións.

Se aínda non coñeces a Banda do Bosque, podes visitar bibopalula.gal, seguir as súas redes sociais ou acceder aos seus contidos na plataforma Xabarín e mergullarte nas aventuras deste catro paxaros.

Portada » Caderno » Os primeiros episodios da serie de animación musical ‘Bibopalula’ xa están dispoñibles