‘Pipo’ proxectarase no Carballo Interplay 2026 dentro da programación infantil do festival

A serie de animación producida por Undodez continúa ampliando o seu percorrido cunha nova cita dentro dun dos eventos de referencia da cultura dixital en Galicia.
Estrea de 'Pipo' no Festival Castelo Conta. Fotografía: Aigi Boga.

A serie infantil Pipo, producida por Undodez en colaboración coa Televisión de Galicia, formará parte da programación da XIII edición do Carballo Interplay, o festival de referencia en Galicia arredor da creación dixital, as novas narrativas audiovisuais e a cultura de internet.

A proxección celebrarase o xoves 16 de abril ás 18.30 na Biblioteca Rego da Balsa, dentro da sección de actividades dirixidas ao público máis novo. A sesión está pensada para crianzas de entre 3 e 7 anos e permitirá achegar ás familias ao universo desta produción de animación galega que continúa consolidando o seu percorrido entre o público infantil.

Creada por Laura Mahía e Andrés Mahía, Pipo conta a historia de Berta, unha nena de seis anos que un día descobre no patio da súa casa a un pequeno extraterrestre chegado do ceo. A convivencia con este peculiar visitante transforma a súa vida cotiá nunha sucesión de aventuras, descubrimentos e situacións cheas de humor, imaxinación e aprendizaxe.

A presenza da serie no festival supón un novo paso no percorrido dunha produción que nos últimos meses vén acumulando recoñecementos dentro do audiovisual galego. Entre eles, destaca o Premio Deleite á promoción da lingua recibido nos XXIV Premios Mestre Mateo, así como a súa recente condición de finalista no Celtic Media Festival 2026.

A súa incorporación á programación do Carballo Interplay reforza tamén a aposta do festival por abrir espazo a propostas pensadas para todos os públicos dentro dunha programación cada vez máis plural. O certame, que se celebra do 16 ao 19 de abril en Carballo, consolídase nesta nova edición como un dos grandes puntos de encontro da creación dixital contemporánea, reunindo proxeccións, actividades formativas, podcast en directo e encontros con creadoras e creadores do ecosistema dixital.

Pipo continúa sumando así novas ventás de exhibición nun contexto de especial crecemento para os contidos audiovisuais infantís en galego, levando a animación feita aquí a espazos destacados da programación cultural e dixital do país.

Portada » Caderno » ‘Pipo’ proxectarase no Carballo Interplay 2026 dentro da programación infantil do festival

Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.