Presentamos o proxecto transmedia ‘Xeosónica’

O Museo do Mar de Galicia acolle a presentación pública deste proxecto transmedia. Xeosónica é unha exploración dos sons do mar desde unha ollada artística e un carácter experimental.

O mar non só é o habitat de peixes, cetáceos, algas e outros seres vivos. É o modo de vida de moitas vilas e cidades, unha ruta de comercio, un lugar de ocio, fonte de riqueza e tamén de traxedias. O mar é un modo de vida, unha identidade. O Atlántico defínenos moitas veces como galegos, pero tamén ten a súa identidade propia… e os seus sons. 

Xeosónica é unha exploración dos ruídos do mar, dos que percibimos, dos que non e dos que non sabemos que percibimos. Unha aproximación ao son cunha mirada artística e un enfoque experimental. Concibido como un puzzle, o proxecto consta de múltiples pezas que conforman unha exploración artística dos sons do mar e a súa contorna.

O día 26 de xuño, terá lugar a presentación pública de Xeosónica nun acto marcadamente festivo que comezará ás 12.00 horas na terraza do Museo do Mar de Galicia, en Vigo. Ademais de dar a coñecer todos os contidos deste proxecto transmedia, estrearemos algunhas das súas pezas, como a curta experimental MMRRSSMM… (As músicas dos Ruídos dos Sons do Mar), coa presenza do director Andrés Mahía. Posteriormente, Juanma LoDo, Carlos Suárez e Marco Maril, tres dos artistas sonoros participantes en Xeosónica, presentarán os temas musicais que compuxeron a partir de diferentes sons recollidos durante o proxecto.

Outra das pezas deste puzzle, Deslocalizando Xeosónica, estará do 24 ao 26 de xullo na Praza do Auditorio da Illa de Arousa. Trátase dunha instalación artística instalada no interior dun contedor marítimo que ofrece unha experiencia inmersiva a través de sons descontextualizados. Esta acción pretende levar a creación sonora fóra dos museos, a lugares que adoitan ser alleos a estas experiencias artísticas. Así mesmo, busca motivar unha reflexión na cidadanía sobre a presenza constante de ruído nas nosas vidas e contornas, presentada en forma de creación dixital de vangarda. 

O proxecto estará dispoñible para o seu acceso libre a partir do 26 de xuño na plataforma xeosonica.gal. Xeosónica é o único proxecto galego seleccionado polo Ministerio de Cultura e Deporte dentro do seu programa de subvencións ao sector do videoxogo e a creación dixital.

Portada » Caderno » Presentamos o proxecto transmedia ‘Xeosónica’