Comezamos o curso con moitos proxectos por diante e meses para seguir medrando no mapa da industria cultural en Galicia. Durante este ano non só consolidamos as liñas de negocio de Ainé en artes escénicas e de Undodez en audiovisual: tamén abrimos outras no ámbito dos servizos e os equipamentos para o sector cultural, do entretemento e dos eventos.
E é por isto que precisamos máis mans para traballar coa mesma filosofía e os mesmos compromisos: en Galicia, en galego, para públicos amplos, innovando, e procurando desfrutar co que facemos. Nesta ocasión, na área de administración e xestión, en tarefas de contabilidade, control financeiro, fiscal, laboral, na xestión de procedementos administrativos e de axudas, no control e seguimento de orzamentos.
Coma sempre nas nosas ofertas de traballo, non é necesaria a experiencia. Máis importante é o interese e a actitude para facer as cousas ben: con coidado, con rigor, con compromiso. Valoramos sempre, pero máis para un posto de este tipo, a orde, a organización e a atención. Fixarse para non cometer erros.
O que atoparás aquí se queres unirte é un equipo de xente nova, e unhas condicións transparentes: traballo presencial cunha xornada de 38 horas semanais, con xornada partida pero con dúas tardes libres durante o curso, e intensiva no verán. Na parte económica, o que estableza o convenio colectivo autonómico de eventos, servizos e producións culturais de Galicia para o grupo III (no 2025 e pendente de actualización, ao redor de 23.000 € brutos anuais).
A oferta permanecerá aberta a través da nosa web ata o 30 de setembro, e nos primeiros días de outubro abriremos un periodo dunha semana para a realización de entrevistas, coa intención de que a incorporación sexa a mediados de mes.
Como presentar unha candidatura?
Exclusivamente a través do formulario que atoparás na sección Emprego da web de Ainé. Non admitiremos candidaturas por correo electrónico para esta oferta. No formulario, ademais dos datos de contacto, e de poder adxuntar un currículo (non é obrigatorio), precisamos un texto breve no que nos contes por que razóns pensas que podes encaixar no posto. Fálanos da túa experiencia, dos teus coñecementos, de como es traballando, e de cales son as túas motivacións. Con isto será suficiente para esta fase.
Se tes algunha dúbida podes escribirnos a equipo@undodez.gal e resolvémola!
