‘Nosoutras’ xa está dispoñible na nova plataforma de contidos da CRTVG

A actriz Isabel Garrido achégase desde o humor e a admiración a dez mulleres esquecidas da nosa historia como Maruxa Mallo, María Casares ou Finita Gay
A actriz Isabel Garrido nun dos capítulos de 'Nosoutras'.

‘Nosoutras’, unha serie producida por Undodez para a Televisión de Galicia, estreouse este mércores en agalega.gal, a nova plataforma dixital de contidos audiovisuais da CRTVG. O proxecto achégase desde o humor, a curiosidade e a admiración a aquelas mulleres da nosa cultura esquecidas ao longo da historia. Que pintora surrealista galega era admirada por Warhol? Quen tivo a idea de facer as xoias de porcelana de Sargadelos? Quen lle daba indicacións a un Castelao con graves problemas de visión para debuxar? Estas son algunhas das preguntas que responderá a serie.

Para iso, a actriz Isabel Garrido (‘A desorde que deixas’, ‘Acacias 38’ ou ’Élite’) dá vida a nomes que van desde Maruxa Mallo ata María Miramontes ou Finita Gay, entre outras, que presenta e interpreta a un tempo en cada un capítulo. Elas mesmas serán as que nos descubran as súas vidas e as súas obras, sabendo así que lugar ocupan na historia.

Os dez episodios xa están dispoñibles na web da plataforma e na súa aplicación para dispositivos móbiles, que se pode descargar en Google Play e App Store. Ao longo do mes de febreiro tamén será posible acceder de forma nativa en televisións intelixentes e a través de Fire TV.

A serie foi seleccionada na convocatoria de proxectos dixitais da CRTVG no ano 2022 e agora fai parte dun catálogo con máis de 1.400 contidos premiados e recoñecidos no sector audiovisual. A dirección de ‘Nosoutras’ vai a cargo de Amara Fontao e Andrés Mahía, mentres que a realización é de Jairo Iglesias e a dirección de fotografía de Pedro Tizón. O resto do equipo da produción, que se pode consultar xunto con outra información na páxina web da serie componse de moitos dos profesionais que integran os equipos habituais de traballo de Undodez e responde ao compromiso de producir contidos en galego con traballadores galegos para o público do país.

Portada » Caderno » ‘Nosoutras’ xa está dispoñible na nova plataforma de contidos da CRTVG