Aínda non coñeces a ‘Pipo’?

A serie 'Pipo' é unha das finalistas nos XXIV Premios Mestre Mateo, na categoría de Mellor serie web, un recoñecemento que pon en valor o traballo desenvolvido arredor dunha proposta de animación pensada para o público infantil e familiar.
Presentación de 'Pipo' no Castelo Conta 2025. Fotografía: Aigi Boga.

Creada por Laura Mahía e Andrés Mahía, Pipo conta a historia de Berta e dun pequeno extraterrestre que irrompe no seu día a día, transformando o cotián nun espazo de descubrimento, humor e aprendizaxe. Producida por Undodez para a Televisión de Galicia, a serie aposta por unha linguaxe próxima ao público máis novo, combinando imaxinación, valores educativos e unha coidada proposta estética e sonora.

A súa estrea tivo lugar en agosto de 2025 no marco do festival Castelo Conta, en Castelo (Culleredo), durante as actividades de Xente Miúda. Alí proxectáronse varios episodios da serie ante o público infantil, nunha presentación que contou coa presenza dos creadores e representantes da TVG, e que permitiu un primeiro contacto directo coa cativada á que vai dirixida a serie.

Dobre presenza na categoría de Mellor serie web

Nestes XXIV Premios Mestre Mateo, Undodez conta cunha dobre presenza na categoría de Mellor serie web grazas a Pipo e Bechos, dúas propostas de animación que, desde linguaxes e universos diferentes, comparten unha aposta clara polo contido en galego e pola creación audiovisual dirixida ás primeiras idades.

A categoría complétase con Contando los días e Alucinema, nunha selección que reflicte a diversidade e vitalidade actual das series web producidas no país.

Animación en galego nun momento de crecemento

A nominación de Pipo inscríbese nun contexto de especial dinamismo para o audiovisual galego e, en particular, para a animación, cunha presenza crecente de proxectos pensados para o público infantil que contribúen á normalización lingüística e á creación de referentes audiovisuais propios desde as primeiras idades.

Os dez primeiros capítulos están dispoñibles no xabarin.gal, unha primeira temporada pensada para nenos de entre 5 e 8 anos, que trae consigo todo tipo de trasnadas. 

Portada » Caderno » Aínda non coñeces a ‘Pipo’?