Baixo o título A maxia da improvisación, patrimonio vivo, o programa ZigZag da TVG achegouse á regueifa como unha práctica cultural que segue a medrar e transformarse. Manolo Maseda e Josinho da Teixeira debuxaron un mapa do que foi a regueifa, do que é hoxe e do que pode chegar a ser.
Neste contexto, Ao son da nova regueifa apareceu como unha ferramenta clave para entender ese proceso. Dirixido por Manolo Maseda e Saúl Rivas, o documental propón unha viaxe pola Galiza da improvisación oral, partindo de Bergantiños e rematando en Vigo, para observar como conviven distintas xeracións, territorios e maneiras de achegarse á regueifa. Un percorrido que non busca respostas pechadas, senón comprender que está a pasar e en que espazos segue a latexar esta tradición.
Ao longo da peza, conviven as voces dos regueifeiros históricos, das persoas que fixeron posible a transición cara a novos contextos e das xeracións máis novas que están a atopar na regueifa un lugar de expresión propio. O documental amosa esa convivencia de aparentes dicotomías – aldea e cidade, tradición e contemporaneidade, aprendizaxe herdada e pedagoxía – como espazos contrapostos pero tamén complementarios.
Un dos aspectos centrais do proxecto é a súa mirada cara ao ensino. Tal e como explicou Manolo Maseda no programa, a regueifa converteuse nunha das ferramentas pedagóxicas máis potentes que coñeceu ao longo da súa traxectoria como docente. A súa chegada ás aulas, o traballo levado a cabo en centros educativos ou a creación de clubs de regueifa no ensino público están a permitir non só a transmisión dunha técnica artística, senón tamén a normalización lingüística e a creación de espazos seguros de expresividade colectiva baseados no respecto.
Ao son da nova regueifa detense tamén na dimensión comunitaria da improvisación oral. A regueifa aparece como un lugar de encontro, históricamente ligado ás tabernas, pero tamén como unha práctica que precisa abrir novos escenarios para conectar coa xente nova.
A través do humor, da música e da palabra improvisada, o filme reflexiona sobre a evolución da regueifa e o seu papel no presente, abordando tamén cuestións como o feminismo ou a súa capacidade para funcionar como un espazo de liberdade expresiva e de conexión emocional. Sen perder o pique, a tonada nin a súa esencia, a tradición oral galega preséntase como unha práctica viva, aberta ao diálogo con outros territorios e culturas, coa vontade de que as mil primaveras da nosa lingua sexan tamén as mil primaveras da nosa regueifa.
Ao son da nova regueifa preséntase así como algo máis ca un rexistro audiovisual: é unha reflexión colectiva sobre o valor da improvisación oral, sobre o traballo que houbo que facer e o que aínda queda por sachar para garantir o seu futuro.
A entrevista completa está dispoñible na plataforma agalega.gal.
