‘Ao son da nova regueifa’ chega a Berlín da man do Ciclo Mestre Mateo

O vindeiro 16 de xuño ás 19.00, terá lugar a primeira proxección internacional do documental, dentro da edición exterior do Ciclo Mestre Mateo do Cinema Galego. A sesión será de balde e está organizada pola asociación ‘De Berlín Son’ en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual e a Xunta de Galicia.
Imaxes da rodaxe de 'Ao son da nova regueifa'. Fotografía: Aigi Boga

O documental Ao son da nova regueifa, producido por Undodez e dirixido por Manolo Maseda e Saúl Rivas, suma unha nova parada ao seu percorrido público coa participación no Ciclo Mestre Mateo de Cinema Galego 2026. A proxección celebrarase o próximo 16 de xuño ás 19.00 no Bar Café Aedes de Berlín, con entrada de balde.

A sesión forma parte da edición internacional do Ciclo Mestre Mateo, a iniciativa impulsada pola Academia Galega do Audiovisual que leva unha selección das películas finalistas e gañadoras dos Premios Mestre Mateo a distintos puntos de Galicia e do exterior. O proxecto, que conta co apoio de diferentes institucións galegas e coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración, converteuse nos últimos anos no principal circuíto de exhibición do audiovisual galego, reforzando a súa presenza entre as comunidades galegas da diáspora e abrindo novas vías para a súa proxección internacional.

A edición deste ano marca un novo fito para o programa, que amplía a súa presenza internacional ata doce destinos repartidos entre Europa e América. Berlín figura entre as cidades que acollerán as proxeccións dunha selección formada por oito títulos representativos da produción audiovisual galega recente, entre os que se atopa Ao son da nova regueifa.

A actividade está organizada pola asociación cultural galega De Berlín Son, entidade que promove iniciativas de difusión da cultura galega na capital alemá e que mantén unha programación estable arredor da música, a lingua e as tradicións do país. A través desta colaboración, o documental terá a oportunidade de encontrarse cun público diverso, formado tanto por integrantes da comunidade galega residente en Alemaña como por persoas interesadas na cultura e no cinema en linguas minorizadas.

A proxección realizarase en versión orixinal en galego con subtítulos en inglés, favorecendo así o acceso de espectadores internacionais a unha obra que explora o presente da improvisación oral galega. O documental percorre diferentes territorios do país para achegarse ás persoas que están a manter viva e transformar a regueifa, construíndo un relato coral no que dialogan tradición e contemporaneidade, ámbito rural e urbano, memoria e renovación.

Tras a súa estrea no Culturgal e o seu paso por salas, festivais e ciclos culturais de diferentes puntos de Galicia, Ao son da nova regueifa continúa ampliando horizontes e consolidando a súa presenza en espazos de exhibición que contribúen á difusión da cultura galega máis aló das nosas fronteiras. A cita de Berlín supón unha nova oportunidade para compartir esta reflexión sobre a palabra improvisada, a identidade e a capacidade da tradición para reinventarse no presente.

Portada » Caderno » ‘Ao son da nova regueifa’ chega a Berlín da man do Ciclo Mestre Mateo