‘Ao son da nova regueifa’ cruza o Miño con dúas novas proxeccións en Portugal

Dirixido por Manolo Maseda e Saúl Rivas, o documental continúa o seu percorrido internacional coa suma de dúas novas citas este mes. Terá presenza en dous encontros culturais de referencia en Portugal, o Eco Festival Terra Mãe e o Festival Músicas do Mundo de Sines.
Póster do Festival Músicas do Mundo de Sines (FMM Sines)

Tras o seu paso por festivais, ciclos e mostras de cinema en Galicia, Alemaña e Asturias, Ao son da nova regueifa suma agora dúas novas citas internacionais en Portugal, consolidando un percorrido que continúa levando a tradición da regueifa a novos públicos.

A primeira proxección terá lugar o 19 de xullo no Eco Festival Terra Mãe, celebrado en Fornelos (Fafe). O certame, que combina música, sustentabilidade e creación contemporánea, incorpora por primeira vez o cinema documental á súa programación, abrindo un novo espazo para propostas que dialogan co patrimonio cultural e as expresións artísticas de raíz.

A segunda parada será o 25 de xullo no Festival Músicas do Mundo de Sines (FMM Sines), un dos encontros internacionais máis recoñecidos dedicados ás músicas do mundo. A proxección desenvolverase no Auditório do Centro de Artes de Sines, dentro da programación cinematográfica dun festival que cada ano reúne artistas e proxectos procedentes de múltiples países e culturas.

Ambas as sesións contarán coa presenza de Manolo Maseda, codirector do documental, quen presentará o filme e ofrecerá un pequeno obradoiro de improvisación oral pensado para achegar ao público portugués unha das manifestacións máis singulares do patrimonio inmaterial galego. A actividade busca converter as proxeccións en espazos de encontro arredor da palabra improvisada e favorecer o diálogo entre dúas tradicións culturais que comparten unha longa historia de relacións.

A participación nestes dous festivais supón un novo paso na proxección internacional de Ao son da nova regueifa, que continúa ampliando o seu percorrido como ferramenta de divulgación da cultura popular galega. Nun contexto de crecente intercambio cultural entre Galiza e Portugal, estas citas contribúen tamén a fortalecer os vínculos entre ambos territorios a través da creación audiovisual e da tradición oral contemporánea.

Portada » Caderno » ‘Ao son da nova regueifa’ cruza o Miño con dúas novas proxeccións en Portugal