‘Ao son da nova regueifa’ pecha en Ourense a décima Primavera Musical do Cineclube Padre Feijoo

O Cineclube Padre Feijoo acolle mañá, 28 de maio ás 20.30, a proxección de 'Ao son da nova regueifa' no marco da súa 10ª Primavera Musical. O documental de Manolo Maseda e Saúl Rivas chega a un dos espazos culturais máis emblemáticos de Ourense.
Regueifeiras durante a rodaxe. Fotografía: Aigi Boga.

O documental Ao son da nova regueifa (2025), dirixido por Manolo Maseda e Saúl Rivas e producido por Undodez, continúa o seu percorrido por salas, ciclos e festivais cunha nova parada en Ourense. A obra proxectarase mañá ás 20.30 no Café Cultural Auriense, dentro da programación da 10ª Primavera Musical organizada polo Cineclube Padre Feijoo. A entrada será de balde.

O Cineclube Padre Feijoo é unha das entidades culturais máis históricas da cidade. Consolidouse ao longo de máis de cinco décadas como un espazo de debate cultural e un espazo independente de difusión do cinema de autor, dos filmes en versión orixinal e das propostas audiovisuais afastadas do circuíto comercial.

A Primavera Musical, o seu ciclo anual máis destacado, está centrada integramente no documental musical. Ao longo de cada edición, o programa percorre diferentes formas de creación sonora, desde escenas históricas e movementos underground ata tradicións musicais e propostas contemporáneas. Na súa décima edición, o ciclo mantén ese espírito exploratorio e descentralizado, con proxeccións tanto na súa sede habitual como en cafés culturais e espazos de encontro da cidade. A sesión de Ao son da nova regueifa será a encargada de pechar esta edición.

Neste contexto, a proxección do documental encaixa nun ciclo que entende a música e a creación oral como parte dun mesmo territorio cultural. Ao son da nova regueifa propón precisamente unha viaxe polo presente da improvisación oral galega, seguindo as voces de regueifeiras e regueifeiros que están a manter viva e transformar esta tradición. O filme constrúe un relato coral no que conviven xeracións, territorios e formas de transmisión, poñendo en valor a regueifa como práctica cultural viva e en evolución.

Tras a súa estrea no Culturgal o pasado novembro e o seu paso por distintos espazos culturais do país, o documental continúa así o seu percorrido nun contexto especialmente significativo, pechando un ciclo dedicado á relación entre música, memoria e creación contemporánea.

Portada » Caderno » ‘Ao son da nova regueifa’ pecha en Ourense a décima Primavera Musical do Cineclube Padre Feijoo

Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.