Había moita expectación por saber a opinión dun público tan esixente como son as nenas e nenos menores de 6 anos e a crítica foi favorable. O auditorio do Culturgal acolleu este domingo a presentación pública de Bibopalula, a primeira serie musical de animación en galego, á que acudiron ao redor de 300 familias.
A presentación da mesma veu da man de Xosé A. Touriñán, quen ademais de produtor executivo pon a voz o Pombo Mensaxeiro, un dos personaxes recorrentes da serie. Touriñán destacou a satisfacción de toda a produtora por sacar adiante un proxecto tan necesario nun momento ademais en que as nenas e nenos precisan máis ca nunca contidos de referencia na nosa lingua, feitos desde aquí e pensando nelas e neles.
Tamén acudiu á estrea o Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, quen destacou a “audacia da serie” e o “compromiso da administración” cun proxecto que aspira a ser referencia no entretemento audiovisual destes primeiros espectadores, ademais de felicitar ao equipo pola calidade da serie.
A directora de AGalega.gal e Xabarin.gal, María Sabucedo Santos, quixo convidar a todo o mundo a descargar as aplicacións do Xabarín, onde se poden atopar moitísimos contidos en galego para as diferentes franxas de idade. Tamén anunciou os seguintes 35 capítulos que completarán esta primeira temporada nas próximas semanas.
Unha fin de semana de contacto co público miúdo

Durante esta 17ª edición do Culturgal, Bubopalula tivo un stand para dar a coñecer entre nais, pais e cativada os personaxes e cancións da serie. Nos próximos días, nacerá unha canle de Youtube coas cancións da serie para poder cantar e bailar coas melodías da Banda do Bosque.
Os episodios xa están en liña desde o pasado venres 27 a través de Xabarin.gal e as aplicacións do Xabarín para iOS, Android e televisións intelixentes.