‘Bechos’ recibe o premio Deleite á promoción da lingua

A serie foi distinguida con este galardón especial da Academia Galega do Audiovisual no marco da xuntanza de finalistas dos Premios Mestre Mateo
O xabaril Xurxo e Saúl Rivas recolleron o premio en nome do equipo. Foto: Aigi Boga

Como vén sendo habitual, a Academia Galega do Audiovisual celebrou a Xuntanza de Finalistas dos Premios Mestre Mateo. Nesta XXII edición, ‘Bechos’ figura como finalista na categoría de Mellor Serie Web, onde competirá polo galardón con ‘Terapia de…’, de Kraken Media, ‘A arte de ser (mal) pai’, de Miraveo e ‘Nosoutras. As mulleres da revista Nós’, de Nós Televisión.

Foi no marco desta xuntanza na que se entregaron os catro premios especiais que concede a Academia. O Premio Deleite á promoción da lingua para foi para ‘Bechos’ “pola necesidade de que existan produtos audiovisuais de calidade e e en lingua galega dirixidas a público infantil, axudando a que se familiaricen co idioma desde idades temperás, facilitando o proceso de aprendizaxe e promovendo o seu uso cotiá”.

‘Bechos’ é unha aposta de Undodez na produción de contidos en galego, feitos desde aquí, para os máis cativos. A serie está dispoñible en xabarin.gal, na app para dispositivos do Xabarín e na canle de Youtube da Televisión de Galicia.

Os gañadores desta XXII edición dos premios do audiovisual galego coñeceranse na gala que terá lugar o próximo 23 de marzo no Coliseum da Coruña.

Portada » Caderno » ‘Bechos’ recibe o premio Deleite á promoción da lingua