‘Bechos’ repite como finalista nos XXIV Premios Mestre Mateo

A proposta, dirixida por Andrés Mahía, está nominada na categoría de Mellor serie web, recoñecendo unha traxectoria que combina animación, valores educativos e compromiso coa lingua.
Saúl Rivas e o xabaril Xurxo recollendo o Premmio Deleite á promoción da lingua nos XXII Premios Mestre Mateo. Fotografía: Aigi Boga

A serie de animación infantil Bechos está nominada como finalista na categoría de Mellor serie web dos XXIV Premios Mestre Mateo, os galardóns do audiovisual galego que celebrarán a súa gala o vindeiro 21 de marzo en Lugo.

Producida por Undodez para a Televisión de Galicia, a serie consolida así o seu percorrido dentro da animación dirixida ás primeiras idades, reafirmando unha aposta polos contidos en galego pensados para a cativada. Os episodios poden verse actualmente en xabarin.gal, na app do Xabarín e na canle de YouTube da CRTVG.

A primeira temporada está dirixida por Andrés Mahía e a segunda, por Laura Mahía (quen tamén se encarga da dirección de animación en ambas as dúas), Bechos naceu a partir dunha idea orixinal de Sofía García e Saúl Rivas. A serie conta tamén cos guións de Andrés Mahía, Saúl Rivas e Patricia Castrillón, e coa música orixinal de Santi Jul e Iván Laxe.

Pensada para público de entre 3 e 6 anos, a proposta segue as aventuras de catro amigos, Xurxo, Catuxa, Xiana e Margarida, que cada día se reúnen no parque para xogar, compartir e descubrir o mundo que os rodea. A través das súas historias, a serie aborda valores como o respecto pola natureza, a importancia da amizade, a xestión das emocións ou a necesidade de reciclar.

Un percorrido consolidado

Esta nova nominación supón un paso máis na traxectoria dunha serie que xa fora finalista na mesma categoría nos XXII Premios Mestre Mateo. Naquela edición, ademais, recibiu o Premio Deleite á promoción da lingua, un recoñecemento que destacou a necesidade de contar con contidos audiovisuais de calidade en galego dirixidos ao público infantil.

Desde a súa estrea en 2023, Bechos mantivo unha aposta continuada pola animación feita en Galicia e para as primeiras idades. En 2025, a serie ampliou o seu universo coa estrea da segunda temporada, incorporando novos episodios e escenarios sen perder a esencia dos seus protagonistas nin o enfoque educativo e próximo que caracteriza o proxecto.

Desde a súa estrea en 2023, Bechos consolidouse como unha proposta de referencia na animación infantil en galego, demostrando a importancia de contar con contidos propios pensados para as primeiras idades. A súa evolución ao longo das dúas temporadas confirma a capacidade do proxecto para medrar e seguir ofrecendo valores educativos e comprometidos coa lingua.

Portada » Caderno » ‘Bechos’ repite como finalista nos XXIV Premios Mestre Mateo

Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.