‘Bibopalula’ e ‘Pipo’, finalistas no Celtic Media Festival 2026

Ambas as producións figuran entre as finalistas do Celtic Media Festival 2026, un dos principais encontros do audiovisual das nacións celtas. Ambas competirán na categoría Children’s Programme (Screen), dedicada aos mellores contidos infantís para televisión e plataformas.
Estrea de Bibopalula en Pontevedra. Fotografía: Aigi Boga.

O Celtic Media Festival anunciou as candidaturas da súa próxima edición, que terá lugar en Belfast durante o mes de xuño, reunindo profesionais do audiovisual procedentes de Irlanda, Escocia, Gales, Bretaña, Cornualles, a Illa de Man e Galicia. Entre os proxectos seleccionados atópanse dúas producións galegas, as series de animación infantil Bibopalula e Pipo, finalistas na categoría Children’s Programme (Screen).

O festival, que leva máis de corenta anos celebrándose, ten como obxectivo promover as linguas e culturas das nacións celtas a través dos medios audiovisuais, así como impulsar o talento creativo e a produción en linguas minoritarias. Ao longo de tres días (do 2 ao 4 de xuño) combínanse conferencias, clases maxistrais e encontros profesionais coa entrega dos Premios Torc, que recoñecen a excelencia en televisión, radio, cinema e medios dixitais.

Dúas propostas galegas para o público infantil

Por unha banda, Bibopalula, dirixida por Laura Mahía, é unha serie musical de animación protagonizada pola Banda do Bosque, Robin, Pegui, Merli e Carpin, que combina historias sobre a natureza con cancións orixinais pensadas para as primeiras idades. Ao longo dos seus episodios, a serie propón unha aproximación lúdica ao medio natural e aos seus ciclos, utilizando a música como eixo narrativo.

Pola súa parte, Pipo, creada por Laura Mahía e Andrés Mahía, conta as aventuras de Berta e dun pequeno extraterrestre que chega inesperadamente á súa casa e transforma o día a día nun espazo cheo de descubrimentos. Pensada para nenos e nenas de entre cinco e oito anos, a serie combina humor, imaxinación e pequenas historias cotiás nas que aprender e explorar o mundo.

Un escaparate internacional para o audiovisual galego

A presenza de Bibopalula e Pipo no Celtic Media Festival supón unha nova oportunidade para dar visibilidade internacional ao audiovisual galego, nun encontro que cada ano reúne produtores, creadores e responsables de medios.

Ademais de ser un espazo de recoñecemento para os mellores contidos, o festival converteuse nun punto de encontro clave para novas alianzas e coproducións europeas, fortalecendo os vínculos culturais e creativos entre os territorios participantes.

Portada » Caderno » ‘Bibopalula’ e ‘Pipo’, finalistas no Celtic Media Festival 2026

Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.