Onte tivo lugar a tradicional Xuntanza de finalistas dos Premios Mestre Mateo, un dos encontros previos á gala do audiovisual galego que reuniu a profesionais do sector nun acto de celebración e encontro arredor das producións candidatas. A cita serviu tamén para facer entrega dos premios especiais desta edición, que recoñecen proxectos destacados polo seu compromiso con valores sociais, culturais e educativos.
Entre eles atopábanse dúas das nosas producións finalistas: Bibopalula recibiu o Premio ABANCA ao impulso da sostibilidade, un recoñecemento que, segundo destacou o xurado, distingue a serie “por integrar de forma coherente, creativa e responsable os valores da sostibilidade tanto na súa proposta narrativa como na súa vocación pedagóxica”. Creada por Laura Mahía e Andrés Mahía e producida en colaboración coa Televisión de Galicia, Bibopalula é a primeira serie musical de animación integramente en galego, protagonizada pola Banda do Bosque, un grupo de paxariños que viven aventuras arredor da natureza, a música e o coidado do seu entorno.
Pola súa parte, a serie web Pipo foi distinguida co Premio Deleite á promoción da lingua, que recoñece a súa contribución á creación de contidos audiovisuais que achegan o galego ás novas xeracións dun xeito natural, creativo e próximo. A serie conta a historia de Berta, unha nena de seis anos que un día atopa no patio da súa casa a Pipo, un pequeno extraterrestre que cae do ceo e que acabará integrándose na súa vida diaria. A proposta, baseada nunha idea orixinal de Andrés Mahía e dirixida por Laura Mahía, combina humor, animación e unha clara vocación pedagóxica para conectar co público infantil.
Undodez contará ademais cunha presenza destacada na gala, con sete candidaturas finalistas que abranguen diferentes xéneros e formatos do audiovisual galego, desde contidos dirixidos á infancia ata o documental.
Bibopalula concorre na categoría de Mellor serie de televisión e Mellor música orixinal, mentres que Pipo e Bechos están presentes na categoría de Mellor serie web. No apartado de Mellor documental figura tamén Ao son da nova regueifa, dirixido por Saúl Rivas e Manolo Maseda, e na categoría de Mellor anuncio publicitario optan ao premio as pezas Ao noroeste do oeste, realizada para a promoción turística da cidade da Coruña, e Historia que nos impulsa, creada con motivo do 25 aniversario do título de liga do Real Club Deportivo da Coruña.
Estes recoñecementos poñen o foco na importancia da creación de contidos audiovisuais en galego para as primeiras idades, tanto desde unha perspectiva cultural como pedagóxica. As producións de Undodez chegarán así á gala dos XXIV Premios Mestre Mateo, que se celebrará o próximo 21 de marzo en Lugo.
