Chega ‘Bibopalula’, a primeira serie musical de animación en galego

Creada por Andrés Mahía e Laura Mahía, e producida por Undodez e a Televisión de Galicia, 'Bibopalula' é unha das propostas audiovisuais máis ambiciosas das últimas décadas para o público infantil en Galicia. A estrea dos primeiros capítulos desta serie animada terá lugar o 29 de novembro en xabarin.gal e na app para dispositivos móbiles e televisións intelixentes do Xabarín.
A Banda do Bosque protagoniza esta serie musical para primeiros espectadores.

O público máis pequeno de Galicia terá en menos dunha semana un contido inédito para a súa aproximación ás pantallas. Bibopalula é a primeira serie musical de debuxos animados en lingua galega, que producimos coa Televisión de Galicia e que se estreará a través de xabarin.gal e a aplicación móbil do Xabarín.

A serie, creada por Laura Mahía e Andrés Mahía, consta de 55 capítulos de 5 minutos nesta primeira temporada. Os protagonistas de Bibopalula son o paporrubio Robin, o merlo Merli, a pega Pegui e o peto Carpin; a Banda do Bosque. Xunto a eles, o resto de paxaros que viven no bosque achegan pequenas historias e aprendizaxes en cada capítulo. Melania Cruz, Marta Lado, Iria Lamas, Marita Martínez ou Xosé A. Touriñán son algunhas das actrices e actores galegos que poñen voz aos protagonistas e ao resto de habitantes do bosque.

Os ciclos da natureza, desde a chegada do inverno ata a das andoriñas, son a guía e o marco das aventuras desta serie que ten na música un dos seus grandes valores: cada episodio remata coa interpretación pola Banda do Bosque dunha canción baseada nas aventuras dos protagonistas. Todos os temas orixinais da serie foron compostos por por Santi Jul e Iván Laxe.

A música é o elemento diferenciador de ‘Bibopalula’.

Unha produción inédita

Por primeira vez, o público infantil no tramo de idades de 3 a 6 anos terá á súa disposición un contido audiovisual de temática musical na nosa lingua, feito integramente por profesionais e empresas galegas. Esta aposta de Undodez responde ao compromiso da produtora coa produción en galego e desde Galicia. A aplicación do Xabarín —dispoñible en iOS, Android e para diferentes Smart TVs— e xabarin.gal estrearán a serie o próximo venres, 29 de novembro, co lanzamento dos primeiros vinte episodios.

Bibopalula conta coa participación da Televisión de Galicia e co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais. A canle pública autonómica estreará en exclusiva a serie a través da súa plataforma de contidos dixitais infantís, antes de que viaxe por outros territorios e noutras linguas a través de diferentes operadores.

Os ciclos da natureza están moi presentes nas tramas de ‘Bibopalula’.

Comeza o camiño para chegar a todas as casas de Galicia

Durante a fin de semana do 29 de novembro, Bibopalula contará cun stand no Culturgal, que se celebrará un ano máis en Pontevedra. Alí darase a coñecer entre público e visitantes e terá lugar unha presentación aberta ás familias o domingo día 1 de decembro.

Coa intención de dar a coñecer Bibopalula, durante o mes de decembro desenvolveremos unha intensa campaña que incluirá a publicación dun conto, a aplicación móbil da serie, ou contidos complementarios a través de YouTube e as principais plataformas de música en streaming. A partir de xaneiro está prevista a publicación dunha unidade didáctica que recollerá contidos relacionados co coidado da natureza ou a música, que se completarán con visitas dos protagonistas a diferentes centros educativos.

Portada » Caderno » Chega ‘Bibopalula’, a primeira serie musical de animación en galego

Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.