O realizador compostelán repite como Mellor Realizador polo seu traballo nesta produción de Tex45 en colaboración con Undodez para a Televisión de Galicia
O Auditorio Municipal de Ourense acolleu a XXI edición dos Premios Mestre Mateo que organiza a Academia Galega do Audiovisual. Unha edición na que se volveu superar o número de producións presentadas, reflexo do gran momento do audiovisual galego. Cinema, televisión, plataformas, contidos web… todas as producións galegas do pasado ano competían polos galardóns nunha gala que reuniu, un ano máis, centos de profesionais.
Nun dos primeiros premios da noite, Jairo Iglesias foi elixido gañador na categoría de Mellor Realización polo seu labor en Catro Gatos. O compostelán repite nesta categoría logo de facerse co galardón na anterior edición polo seu traballo en Origen, programa divulgativo sobre a gastronomía española coproducido por Undodez e Interpool Media para Televisión Española.
Catro Gatos é un formato de humor protagonizado por Xosé A. Touriñán, David Perdomo, Fátima Pego e Noemi Rodríguez que mestura os sketchs coa tertulia cómica. Emitido pola Televisión de Galicia, foi un dos programas finalistas desta edición dos premios da Academia Galega do Audiovisual.