Nena conta a historia dunha familia desestruturada pola morte da nai, unha perda que deixa a responsabilidade do fogar nas mans dunha nena de doce anos. A través desta premisa, a curtametraxe afonda nos coidados, na ausencia de responsabilidades e na perpetuación dos roles de xénero no ámbito familiar, construíndo un relato íntimo e profundamente humano.
Rodada en Mondoñedo e estreada o 23 de agosto de 2023 no festival Castelo Conta, na parroquia natal de Xosé A. Touriñán, a curta iniciou desde entón un intenso percorrido polo circuíto de festivais. Ao longo destes meses, Nena foi seleccionada en máis de cincuenta certames de todo o mundo.
Este camiño veu acompañado dun amplo recoñecemento por parte de xurados e público. A curtametraxe acumula xa máis de vinte premios, entre os que destacan os galardóns á Mellor Curtametraxe en festivais como FIV Vilafamés, Festival de Cine Curto de Ribadeo, Curt-Movies de Barcelona ou FICINDIE, así como recoñecementos á dirección, á interpretación de Antía Touriñán e ao traballo técnico, especialmente na dirección de fotografía.
Protagonizada por Antía Touriñán xunto a Carlos Blanco, David Perdomo e o propio Xosé A. Touriñán, Nena é unha produción de Undodez e Mordisco Films que se consolidou como unha das curtas galegas máis destacadas do panorama recente. O proxecto continúa sumando seleccións e premios durante este 2025, confirmando a súa excelente acollida e a vixencia dun relato que conecta con públicos moi diversos.
Se aínda non viches a curta, Nena está dispoñible para a súa visualización na plataforma AGalega.
