O Ciclo Mestre Mateo amplía o percorrido de ‘Ao son da nova regueifa’

Máis de trinta localidades galegas e internacionais acollerán novas proxeccións do documental. A súa incorporación a este circuíto de exhibición supón un novo impulso para a difusión do mesmo e para seguir achegando a regueifa a públicos diversos.
Rodaxe de 'Ao son da nova regueifa'. Fotografía: Aigi Boga

Ao son da nova regueifa continúa sumando quilómetros. O documental dirixido por Manolo Maseda e Saúl Rivas formará parte da programación do Ciclo Mestre Mateo, a iniciativa da Academia Galega do Audiovisual que leva cada ano unha selección de filmes galegos por auditorios, centros culturais e espazos de exhibición de todo o país e do exterior.

Ao longo dos próximos meses, a película visitará localidades das catro provincias galegas, con paradas xa confirmadas en concellos como Cedeira, Arzúa, A Pobra do Brollón, Foz, Ribadavia ou San Sadurniño, ás que se irán sumando outras citas pendentes de anunciar.

O percorrido estenderase tamén fóra de Galicia. O calendario inclúe proxeccións en cidades como Lisboa, Bos Aires, Montevideo, Río de Janeiro ou Málaga, consolidando a presenza internacional do documental. Cada unha destas paradas abre unha nova oportunidade para compartir a riqueza da tradición oral galega con públicos de diferentes procedencias.

Máis alá das cifras, a participación no Ciclo Mestre Mateo representa a oportunidade de que a película continúe atopando novos públicos. A través das proxeccións, o documental convértese nun punto de encontro arredor da palabra improvisada, da creación colectiva e da cultura galega, prolongando a vida dunha obra que segue medrando desde o diálogo coas persoas espectadoras.

As datas confirmadas e as futuras incorporacións ao calendario poden consultarse en Ao son da nova regueifa.

Portada » Caderno » O Ciclo Mestre Mateo amplía o percorrido de ‘Ao son da nova regueifa’