Presentamos ‘Recollendo Músicas’ cos grupos e artistas protagonistas

O director de contidos da CRTVG, Fernando Ojea, acudiu ao acto de presentación para poñer en valor o labor de difusión da nosa cultura que se fai desde plataforma dixital da Televisión de Galicia. Os grupos e artistas protagonistas desta primeira temporada acudiron a esta presentación pública celebrada na Coruña.
Fernando Ojea, director de contidos da CRTVG, destacou o compromiso de AGalega coa nosa cultura. Foto: Cris Padín

“Unha festa, pero no sentido de comunidade, de compartir”, así explicaban Claudia e Marina de Abril como entendían a música tradicional. E iso foi o que fixemos para presentar esta primeira temporada de Recollendo Músicas. Unha festa na que xuntar as e os artistas que participan no programa, o equipo técnico e o resto de persoas involucradas no proxecto.

En representación da Televisión de Galicia, acudiu Fernando Ojea, director de contidos da CRTVG, quen animou aos presentes a navegar nos contidos culturais e de entretemento de AGalega ao tempo que recalcou a importancia do traballo dos artistas que manteñen viva a nosa música.

Saúl Rivas e Borja Casal, directores do proxecto, coincidiron en agradecer e recoñecer aos participantes desta primeira temporada o seu labor e incidiron na importancia de compartir as nosas músicas e difundilas a través dos medios públicos. Os asistentes puideron desfrutar dun avance exclusivo de toda a temporada e unha sesión musical moi especial co Dúo Cro-Cró.

En Recollendo Músicas, achegámonos ás propostas de diferentes grupos e artistas que, a partir da música tradicional, desenvolveron proxectos musicais que van desde o folk ao pop, pasando pola electrónica, a psicodelia ou a música de baile. Trátase dun formato breve, pensado para o consumo multidispositivo e no que a música é a protagonista absoluta.

Nesta primeira temporada coñecemos as propostas de Belém Tajes, Comando Curuxás, Alana, Nebra, Breo, Lontreira, Moura, Abril, Carme López e Carabela. Os capítulos están dispoñibles en AGalega.gal e nas aplicacións para iOS, Android e televisións intelixentes. Tamén podes consultar toda a info, acceder aos contidos e escoitar as músicas que soan no programa en recollendomusicas.gal.

Portada » Caderno » Presentamos ‘Recollendo Músicas’ cos grupos e artistas protagonistas

Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.