O programa Recollendo Músicas, producido por Undodez, competirá polo Premio Martín Códax da Música ao mellor proxecto de comunicación e difusión musical. A Asociación Músicas ao Vivo, organizadora do certame, deu a coñecer os finalistas na sede das Bodegas Martín Códax, en Cambados, nun acto ao que asistiron todos os artistas, grupos e proxectos finalistas.
Un xurado profesional, formado pola cantante Uxía, o técnico Xurxo Piñeiro, o xornalista Noel Feáns, o músico Óscar Rilo e a directora técnica da Real Filharmonía de Galicia, Sabela Galicia, foi o encargado da selección na primeira fase do certame. Desde o pasado día 8 de maio e ata este domingo é o público e as socias e socios de Músicas ao Vivo quen vota aos seus favoritos.
Os gañadores daranse a coñecer nunha gala que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra o próximo día 28. Recollendo Músicas compite na categoría Organistrum a Proxectos de Comunicación e Difusión Musical, na que tamén son finalistas a emisora de radio comunitaria Cuac Fm e A canle de Rodri Míguez.
Sobre Recollendo Músicas
Belém Tajes, Cumando Curuxás, Alana, Nebra, Breo, Lontreira, Moura, Abril, Carme López e Carabela son os dez artistas e formacións protagonistas da primeira temporada de Recollendo Músicas, unha exploración pola pegada da música de raíz e os ritmos tradicionais galegos.
O formato, dirixido por Saúl Rivas e Borja Casal, foi recoñecido o pasado mes de marzo co premio Mestre Mateo ao mellor programa de televisión.