‘Recollendo Músicas’ gaña o Mestre Mateo a mellor programa

Dirixido por Saúl Rivas e Borja Casal, e producido por Undodez para a Televisión de Galicia, o formato explora a pegada que a música de raíz e os ritmos tradicionais galegos teñen nas músicas actuais.

A XXIII edición dos Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual ten xa gañadores, e o programa Recollendo Músicas, producido por Undodez, é un deles. Pouco despois das doce e medio da pasada noite os directores Álvaro Gago e Jaione Camborda anunciaban o galardón da categoría de mellor programa, na que o formato estreado pola Televisión de Galicia o pasado outono foi o máis votado polas académicas e académicos.

Os directores de Recollendo Músicas, Saúl Rivas e Borja Casal, recolleron o premio acompañados no escenario do Lalín Arena polo equipo de produción do programa, Laura Canto, Miguel Vázquez e Laura Sixto, e do equipo de Einibó, Adolfo Fernández e Lucas Lombardía, encargados da realización. Na súa intervención destacaron poder compartir categoría con outros programas –Cinephilia, Cos pés na terra e Nosoutras– “nos que a cultura, a etnografía e a tradición son a base”.

“Sen o idioma non seríamos galegos, pero sen as nosas músicas seríamos unha cousa moi distinta ao que somos”

Agradeceron tamén a todos os artistas e asociacións que manteñen “o enorme patrimonio que é a nosa música tradicional e a nosa literatura de tradición oral”. Saúl Rivas explicou que o papel dos directores no programa consistía en escoitar desde o respecto e as ganas de aprender.

Borja Casal compartiu o premio con todas as artistas e formacións que participaron en Recollendo Músicas, e puxo en valor “o legado das nosas informantes, maiormente mulleres, que ao longo de décadas compartiron as súas emocións en forma de cancións”.

Sobre Recollendo Músicas

Recollendo Músicas é unha exploración pola pegada que a música de raíz e os ritmos tradicionais galegos teñen nas músicas actuais, a través de propostas de artistas e grupos que manteñen viva a tradición a través de novas linguaxes e sonoridades modernas.

O programa pode verse en AGalega, a plataforma dixital de contidos audiovisuais da Televisión de Galicia.

Portada » Caderno » ‘Recollendo Músicas’ gaña o Mestre Mateo a mellor programa

Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.