Últimas horas nas votacións dos Mestre Mateo: estes son os proxectos finalistas de Undodez

A serie de animación 'Bibopalula' compite na categoría de mellor serie de televisión. 'Nosoutras' e 'Recollendo Músicas' aspiran ao premio a mellor programa, e os seus realizadores son finalistas na categoría de mellor realización. Lucía Veiga pode levar o premio á mellor actriz protagonista por 'Na Gloria'.
Lucía Veiga aspira ao premio á mellor actriz protagonistas polo seu traballo en 'Na Gloria'. Foto: Aigi Boga

Este luns rematan as votacións coas que a Academia Galega do Audiovisual escolle cada ano ás obras e profesionais máis destacados do audiovisual galego. Preto de cincocentas académicas e académicos deciden desde hai dúas semanas os mellores traballos do 2024, que se darán a coñecer nunha gala en Lalín o próximo 15 de marzo.

Undodez suma seis candidaturas repartidas entre catro traballos, todos eles emitidos pola Televisión de Galicia e accesibles a través da plataforma AGalega.

Bibopalula, debuxos en galego candidatos a mellor serie

A serie dirixida por Laura Mahía foi unha das grandes sorpresas ao resultar ser finalista na categoría de mellor serie. Había case vinte anos que unha produción de animación non aspiraba a este premio. Bibopalula compite con Rapa, de Portocabo, e El circo de los muchachos e Clanes, de Vaca Films. Nas últimas semanas a serie de Undodez publicou nas súas redes sociais un vídeo no que algúns membros da Banda do Bosque suxerían ás académicas e académicos a posibilidade de que unha serie de debuxos se fixera cun dos premios máis relevantes do certame.

Recollendo Músicas e Nosoutras, o 50% das opcións para mellor programa e realización

Catro das seis candidaturas finalistas de Undodez xúntanse nas producións Recollendo Músicas e Nosoutras. Estreado o pasado outono, Recollendo Músicas está dirixido por Saúl Rivas e Borja Casal, e foi unha das grandes propostas de AGalega, a plataforma de contidos dixitais da Televisión de Galicia, nesta temporada. Trátase unha exploración pola pegada que a música de raíz e os ritmos tradicionais galegos teñen nas músicas actuais, con diferentes propostas de artistas e grupos que manteñen viva a nosa tradición a través de novas linguaxes e sonoridades modernas. Nosoutras, dirixido por Amara Fontao e presentado por Isabel Garrido, estrouse hai xa un ano, tamén en AGalega. É un espazo no que achegarse desde o humor, a curiosidade e a admiración a aquelas referentes da nosa cultura que non aparecen moitas veces no imaxinario colectivo polo feito de ser mulleres. Os dous programas compiten na categoría de mellor programa entre eles, e con Os pés na terra e Cinephilia, que xa gañaron o galardón noutras ocasións.

En canto a categoría de mellor realización, os realizadores de Recollendo Músicas e Nosoutras, Adolfo Fernández e Jairo Iglesias, son tamén finalistas. Neste caso aspiran a un premio que tamén poderían gañar Marcos Nine (Historias de aquí) e Simone Saibene (Cinephilia).

Lucía Veiga, dobre finalista nos Mestre Mateo

A sexta candidatura finalistas de Undodez é pola serie Na Gloria, e na categoría de mellor interpretación feminina protagonista. A actriz Lucía Veiga -que tamén aspira ao premio a mellor actriz de reparto polo seu traballo en As Neves-, compite con Andrea Varela (As Neves), Carmen Machi (Tratamos demasiado bien a las mujeres), e Mónica López (Rapa).

A gran festa do audiovisual galego

Os Premios Mestre Mateo entregarán un total de vinte e cinco galardóns nunha gala que presentará Teté Delgado, que contará coa música de Baiuca, e na que a script Encarna Alonso recibirá o premio de honra. Será a vixésimo terceira edición do certame que organiza a Academia Galega do Audiovisual.

Portada » Caderno » Últimas horas nas votacións dos Mestre Mateo: estes son os proxectos finalistas de Undodez

Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.