Undodez lanza ‘Pantalla’, un espazo para acceder aos contidos dispoñibles en aberto

Unha iniciativa que ordena, agrupa e facilita o acceso a unha parte significativa do traballo audiovisual da produtora. O proxecto responde a unha vontade clara: facer máis accesible a cultura que produce.
A 'Pantalla' de Undodez en vista móbil. Fotografía: Aigi Boga.

Esta especie de ‘anexo’ á propia web de Undodez, nace como unha extensión natural da súa actividade. Ao longo dos anos, a produtora foi desenvolvendo proxectos moi diversos (series, programas, videoclips, curtametraxes ou formatos de divulgación) que se atopan repartidos en diferentes plataformas. Este novo apartado permite reunilos nun único lugar, facilitando a súa localización e consumo.

O espazo funciona como un agregador organizado por categorías (cultura, entretemento, ficción, infantil e videoclip) que permite navegar polos contidos de maneira sinxela e intuitiva. Cada peza inclúe unha breve descrición e o acceso directo á plataforma na que está dispoñible.

Entre os contidos que forman parte de ‘Pantalla’ atópanse series infantís como Pipo ou Bibopalula, programas do ámbito da divulgación como Recollendo Músicas ou Nosoutras, e contidos de ficción, como Na Gloria ou a curtametraxe Nena, entre outros.

Con ‘Pantalla’, Undodez dá un paso máis na difusión do seu catálogo, apostando por unha organización clara dos seus contidos e por facilitar o acceso do público a eles. Un espazo pensado para descubrir, revisitar e compartir proxectos que forman parte do seu percorrido recente.

Portada » Caderno » Undodez lanza ‘Pantalla’, un espazo para acceder aos contidos dispoñibles en aberto