Undodez presenta sete producións aos XXIV Premios Mestre Mateo

A Academia Galega do Audiovisual vén de abrir o período de votacións da primeira volta dos XXIV Premios Mestre Mateo, nunha edición que volve reflectir o bo momento do sector. Undodez suma este ano sete producións candidatas, con propostas que abranguen públicos, formatos e linguaxes moi diversas.
Equipo de Undodez recollendo o galardón na categoría de Mellor Programa por 'Recollendo Músicas' nos XXIII Mestre Mateo. Fotografía: @pacrispa

O audiovisual galego vive unha nova edición histórica dos Premios Mestre Mateo. Na súa vixésimo cuarta convocatoria, a Academia Galega do Audiovisual rexistrou 186 producións inscritas e un máximo histórico de profesionais participantes, cun total de 565 candidaturas. Ata o mércores 28 de xaneiro, as académicas e académicos elixirán as obras finalistas nunha primeira volta de votacións. A celebración da gala de entrega de premios terá lugar o próximo 21 de marzo en Lugo.

Desde Undodez, participamos nesta edición con sete proxectos candidatos, que amosan a diversidade do noso traballo e o compromiso coa creación audiovisual feita en Galicia, en galego e con vocación tanto local como internacional.

Na categoría de documental, Ao son da nova regueifa, unha viaxe audiovisual polo presente da improvisación oral en Galicia. Dirixido por Saúl Rivas e Manolo Maseda, o filme percorre o país para retratar as pontes entre a regueifa tradicional e as súas expresións contemporáneas, poñendo o foco nas persoas que están a manter viva e en constante transformación esta arte popular.

A animación ten un peso destacado entre as nosas candidaturas. Bibopalula concorre na categoría de serie, cos episodios 21 ao 55 dunha proposta que marcou un fito nos contidos infantís en galego. Creada por Laura Mahía e Andrés Mahía, a serie continúa a súa expansión internacional, tanto na distribución dos seus episodios como da súa música, consolidándose como un proxecto de referencia que xa foi recoñecido o ano pasado co Premio Deleite á promoción da lingua.

Tamén na categoría de serie web compite a segunda tempada de Bechos, a serie de animación producida por Undodez para a Televisión de Galicia. A través das aventuras de Xurxo, Xiana, Catuxa e Margarida, Bechos achega valores como o respecto pola natureza, a amizade e a convivencia, reafirmando a aposta por contidos de calidade dirixidos ao público máis novo, en lingua galega.

Completa a presenza na categoría de serie web Pipo, unha proposta novidosa que se estreou en agosto do 2025, tamén de animación. É protagonizada por unha nena (Berta) e un pequeno extraterrestre (Pipo) que transforma o cotián nun espazo de descubrimento e aventura. A serie combina humor, aprendizaxe e imaxinación, achegándose aos primeiros espectadores cunha linguaxe próxima e chea de curiosidade.

No ámbito musical, na categoría de videoclip, participamos con Añobres, do grupo Alana. Dirixido por Saúl Rivas e Adolfo Fernández, o videoclip rende homenaxe a Delfina de Añobres e á tradición oral galega, conectando memoria, territorio e creación contemporánea a través da música e da imaxe.

Xunto a estes proxectos, tamén concorren dúas producións na categoría de anuncio, Ao noroeste do oeste, feito para a representación do Concello da Coruña e a promoción turística da cidade no FITUR 2025, e Historia Que Nos Impulsa, un spot realizado con motivo do 25 aniversario do título de liga do Real Club Deportivo da Coruña.

Estes, completan a participación de Undodez nesta edición dos Premios Mestre Mateo, reflectindo así a variedade e amplitude de proxectos nos que traballamos a diario.

A segunda volta de votacións terá lugar unha vez se coñezan as finalistas, e os nomes das obras e profesionais premiados descubriranse o 21 de marzo na vixesimo cuarta edición dos Mestre Mateo, cunha gala que converterá Lugo, un ano máis, no epicentro do audiovisual galego.

Portada » Caderno » Undodez presenta sete producións aos XXIV Premios Mestre Mateo

Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.