Undodez produce o videoclip do novo tema de Alana, ‘Vilardevós’

A proposta celebra música e comunidade. A peza visual, dirixida por Einibó, combina tradición e electrónica, e conta coa participación do colectivo PAN.SEN.FRON.
Videoclip de Alana, dirixido por Adolfo Fernández.

Alana vén de estrear Vilardevós, unha muiñeira reinterpretada ao seu estilo que parte dunha recollida feita ás veciñas de Terroso, en Vilardevós. A rodaxe, realizada na Coruña o pasado 8 de febreiro, reuniu un amplo equipo artístico e técnico para construír un videoclip que transmite festa, balbordo e alegría compartida, reforzada pola presenza de PAN.SEN.FRON.

A canción parte desta recollida, unha memoria oral que transmitía un claro ambiente de celebración. Esa sensación foi o punto de partida conceptual do videoclip: unha festa entre amigas, un espazo de encontro onde a música e a comunidade funcionan como motor emocional. Neste contexto, a participación de PAN.SEN.FRON resultou natural, xa que o colectivo coruñés leva anos traballando precisamente na recuperación e difusión da música tradicional galega a través da voz e da percusión, especialmente das pandeiretas.

Musicalmente, Vilardevós é unha muiñeira reinterpretada desde a linguaxe sonora propia de Alana, que combina raíces tradicionais con bases electrónicas e pulsións pop. Esta mestura forma parte do ADN do proxecto, integrado por Antía Vázquez, Pablo Castro e Eloy Vidal, que desde a súa creación traballa sobre recollidas do repertorio popular para transformalas nunha experiencia musical contemporánea sen perder a súa identidade.

O videoclip reforza esa mesma idea desde a imaxe: tradición e presente conviven nunha posta en escena que aposta pola cor, o movemento e a sensación de colectividade. A dirección de arte e o estilismo constrúen un universo visual dinámico e vitalista, mentres o baile e a presenza da figuración contribúen a transmitir esa atmosfera de celebración compartida que inspirou o proxecto.

A peza contou cun equipo técnico formado por Einibó na realización, Xoán Fórneas como auxiliar de dirección, Sara Temes e Adolfo Fernández na dirección de fotografía, Noel Iglesias na dirección de arte e Laura Canto na dirección de produción, ademais do equipo habitual nas producións de Undodez e outros profesionais. O proxecto recibiu tamén o apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC).

Con Vilardevós, Alana continúa a expandir a súa proposta artística, consolidándose como unha das voces que está a redefinir a relación entre música tradicional e creación contemporánea en Galicia. O videoclip convértese así nunha nova peza dentro dun percorrido que segue a explorar como as melodías herdadas poden dialogar co presente e abrirse a novos públicos.

Portada » Caderno » Undodez produce o videoclip do novo tema de Alana, ‘Vilardevós’

Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.