AGalega estrea ‘Na Gloria’, a primeira serie desenvolta para a nova plataforma dixital

Producida por Tex45 e Undodez para a Televisión de Galicia, 'Na Gloria' é unha comedia pensada para a plataforma AGalega. A primeira temporada consta de 16 episodios que irán estreándose semanalmente.
A Pati e Lolo, interpretados por Cristina Castaño e Touriñán, protagonistas desta nova comedia. Foto: Aigi Boga

Xa está dispoñible o primeiro episodio de ‘Na Gloria’ en AGalega, a plataforma dixital da Televisión de Galicia. Pode verse en agalega.gal e nas aplicacións para dispositivos Android e iOS. Nste primeiro episodio coñecemos os protagonistas e a trama principal, polo que ten unha duración especial de media hora. O resto de episodios, que sairán semanalmente, durarán quince minutos.

A presentación da serie tivo lugar no Pazo de Vilaboa, en Culleredo, lugar onde se gravou unha das localizacións principais de ‘Na Gloria‘. Ao acto acudiron os representantes das productoras, da Televisión de Galicia e o equipo técnico e artístico da serie; ademais de medios e coñecidos rostros do noso audiovisual.

‘Na Gloria’ sitúase nunha pequena vila ao pé do Camiño Francés que, de súpeto, ve revolucionada a súa pausada vida coa chegada de Pati (Cristina Castaño), unha executiva que renuncia ao estrés do mundo dos negocios para instalar un hotel rural na vila dos seus avós. O que non contaba é que a súa visión do mundo non casa coa idiosincrasia da Gloria de Arriba, onde os seus veciños non son como ela pensaba.

Na vila residen Paca e Waldo (Lucía Veiga e David Perdomo), un matrimonio algo entrometido que ten que lidiar co seu afán de tratar ben á clientela do seu negocio coa sua animadversión pola forma de ser de Pati. Lolo (Xosé A. Touriñán) é un tipo de bo corazón, algo preguiceiro e que ten que loitar coas ganas de agradar a Pati e non desmarcarse do sentir xeral dos seus veciños cara ela. Con Pati chega a Gloria tamén Bertín (Dani Rovira), un chef andaluz de alta cociña que nada mais poñer un pé na vila decátase de que non é o seu lugar.

Portada » Caderno » AGalega estrea ‘Na Gloria’, a primeira serie desenvolta para a nova plataforma dixital