‘Amigos hasta la muerte’ chega a Prime Video

A película coa que Javier Veiga debuta como director e guionista chega o vindeiro mércores 29 de novembro á plataforma Prime Video. 
Marta Hazas e Mauricio Ochmann nunha secuencia da película.

Logo da súa estrea nos cines en setembro, a longametraxe protagonizada por Marta Hazas, Mauricio Ochmann e Javier Veiga aterra nas plataformas de contidos baixo demanda. O primeiro filme de Veiga como director poderase ver a partir deste mércores en Amazon Prime Video. O actor e director do Grove xa obtivo con anterioridade un gran éxito nesta plataforma con Pequeñas coincidencias, serie orixinal de Prime Video que tamén coprotagoniza con Marta Hazas.

Amigos hasta la muerte conta a historia de María, Nacho e Suso, tres amigos aos que lles toca convivir ca diagnose da enfermidade dun deles. A partir deste momento os tres protagonistas deben repensar as súas prioridades e tratar algúns asuntos pendentes relativos á súa amizade: plans, reconciliacións, promesas… e incluso algún que outro segredo.

As cidades de Ourense e Santiago de Compostela, O Grove e diferentes puntos do Camiño de Santiago son algunhas das localizacións elixidas para a rodaxe desta película coproducida por Medio Limón e Undodez. A visión internacional vén da man da produtora mexicana Onírica Films, país do que provén tamén un dos seus actores, Mauricio Ochmann. Amigos hasta la muerte estreouse o pasado agosto en Prime Latinoamérica, situándose entre as dez películas máis vistas na plataforma.

O filme conta coa participación de Luna Gallego, Nacho Nugo e Óscar Allo, quen dan vida aos tres protagonistas durante a súa xuventude. Ademais, entre o seu elenco destaca a presenza de intérpretes como Xosé A. Touriñán, David Amor, Ledicia Sola e Xoel López, quen foi o encargado da creación de Eco, a canción orixinal da película.

Portada » Caderno » ‘Amigos hasta la muerte’ chega a Prime Video