‘Amigos hasta la muerte’ preestrearase o 11 de marzo no Festival de Málaga

Trátase da primeira longametraxe dirixida por Javier Veiga e está protagonizada por Mauricio Ochmann, Marta Hazas e o propio Veiga. Logo da preestrea en Málaga, contará cunha premiere en Ourense antes do seu percorrido polas salas de cine

O Festival de Málaga será o escenario no que Amigos hasta la muerte terá a súa preestrea. A sección Málaga Premiere acollerá a primeira proxección do debut de Javier Veiga na dirección dunha longametraxe o próximo 11 de marzo.

Protagonizada polo propio Javier, Marta Hazas e Mauricio Ochmann, Amigos hasta la muerte conta a historia de María, Nacho e Suso, tres amigos de toda a vida. Xuntos compartiron moitas cousas, quizais incluso demasiadas… E, de repente, a dous deles vailles tocar compartir o secreto de que o outro vai morrer. Pero antes quédalles moito por facer: Plans, promesas, reproches, risas, reconciliacións, lembranzas, máis risas, algunha bágoa… e algo pendente que quizais chegou a hora de destapar. Os tres van descubrir o pouco que importan agora as cousas que parecían importantes.

O filme conta ademais coa participación de Luna Gallego, Nacho Nugo e Óscar Allo, que interpretan a María, Nacho e Suso cando tiñan só vinte anos, e actores galegos como Xosé A. Touriñán, David Amor, Ledicia Sola, Mela Casal ou o músico Xoel López. Amigos hasta la muerte contará cunha distribución internacional logo do seu paso polas salas de cine españolas.

Galicia como escenario

A rodaxe de Amigos hasta la muerte, coprodución internacional de Medio Limón, Undodez e Onírica Films, tivo lugar durante o verán de 2022 na cidade de Ourense e a súa contorna, O Grove, Santiago de Compostela e diferentes puntos do Camiño de Santiago. A súa produción contou cun equipo técnico formado na súa maioría por profesionais galegos. Logo do pase nesta 26ª edición do Festival de Málaga, Amigos hasta la muerte terá unha premiere galega na cidade de Ourense.

Amigos hasta la muerte contou para a súa produción co apoio da Xunta de Galicia, a través da convocatoria de subvencións á atracción de rodaxes, dentro do programa Hub Audiovisual Industria Creativa por medio da Axencia Galega das Industrias Culturais, dotado co Fondo Feder da Unión Europea. Tamén recibiu o apoio da Deputación de Ourense, Turismo de Galicia, Televisión de Galicia, ABANCA e outras colaboracións e patrocinios de institucións públicas e empresas privadas.

Portada » Caderno » ‘Amigos hasta la muerte’ preestrearase o 11 de marzo no Festival de Málaga